Ir o contido principal

A USC e o Grupo Aresa convocan a décima edición do Premio Aresa, dotado con dez mil euros

A décima convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven a Universidade de Santiago e o Grupo Aresa, presentouse este martes en San Xerome logo de que o reitor Senén Barro e o presidente do Consello de Administración do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez, asinaran o convenio polo que se convoca. Asistiron ao acto o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e a adxunta á presidencia de Aresa, Carlota López.
O Premio Aresa pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como iniciativas empresariais anovadoras na agricultura e na gandería de Galicia. O galardón tamén recoñece traxectorias persoais, empresariais ou institucionais na área agrogandeira, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vinculados ao medio rural galego.
Organizado pola Universidade de Santiago e Aresa, compañía lucense que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal, o gañador percibirá dez mil euros, o que o converte no galardón mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en Galicia.
RequisitosAo premio poden concorrer persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outra entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega. Para concorrer ao galardón debe presentarse un traballo de investigación e desenvolvemento, unha iniciativa empresarial innovadora ou unha traxectoria persoal ou institucional nos ámbitos agrícola ou gandeiro.
As candidaturas poderán ser propostas a título individual polos interesados ou ben por universidades, centros de investigación, institucións públicas ou privadas e empresas.
Bases e xuradoOs rexistros dos campus universitarios de Santiago e Lugo serán os lugares onde se deberán presentar as candidaturas, con data límite o 16 de outubro. O ditame darase a coñecer na segunda quincena do mes de decembro e a entrega do galardón terá lugar a comezos de 2010.
Formarán o xurado o reitor da USC, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, o presidente de Aresa, e outras dúas personalidades vinculadas co sector agrario. Para máis información sobre esta convocatoria e anteriores pódese consultar a web www.premioaresa.com.
Anteriores convocatoriasAs anteriores convocatorias do Premio Aresa acapararon o interese da comunidade científica galega e o empresariado. Na súa primeira edición recaeu na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres que en 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudio multidisciplinar sobre a serra de O Courel.
Na terceira edición distinguiuse co galardón á Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da USC, e na cuarta o galardón correspondeulle a José Manuel Silva Rodríguez, por entonces director xeral de Agricultura na Comisión Europea. O quinto premio foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o sexto para o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’ por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural. Na sétima edición valorouse o labor do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e ao ano seguinte distinguiuse a iniciativa empresarial de Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán. Xa na pasada convocatoria, a novena, o galardón recaeu na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2009.