A USC homenaxea aos estudantes de centros de ensino medio de Galicia que obtiveron as mellores cualificacións nas probas de selectividade deste ano

Por cuarto ano consecutivo, a Universidade de Santiago de Compostela felicitou aos mellores estudantes galegos que acadaron unha puntuación definitiva de 9 ou superior a 9 nas Probas de Acceso a Universidade de xuño de 2007. A celebración tivo lugar na Facultade de Medicina nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, acompañado do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o decano da Facultade de Medicina, José Mª Fraga; o coordinador do Programa A Ponte, Luís Hervella; e o representante da USC na CIUG, Manuel Bermejo.
Un total de 329 rapaces e rapazas de 146 centros de Ensino Medio de Galicia acadaron esta puntuación, resultado da media entre o seu expediente académico e a cualificación definitiva nas Probas de Acceso á Universidade. Destes, 190 estudantes de 77 centros de Galicia asistiron á celebración da USC acompañados dos seus familiares e dos correspondentes representantes dos centros de Ensino Medio onde cursaron o Bacharelato. Durante o acto, organizado a través do Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, entregóuselles un diploma, en recoñecemento do seu esforzo e como recordatorio para manter a mesma liña de traballo en anos vindeiros.
Senén Barro salientou que a USC é unha universidade que aposta pola calidade e que os alumnos sobresaíntes de cada anada son parte desa calidade. Recordou asemade aos presentes que o cincuenta por cento dos estudantes coas mellores notas nas Probas de Acceso á Universidade do pasado curso elixiron a USC para estudar a súa carreira. “Para iso –subliñou o reitor- unha boa política de axudas é fundamental, e nese sentido a USC está a poñer en marcha un proxecto de Residencias universitarias que será das máis importantes de España”. Pola súa banda, Sánchez Bugallo destacou a forte relación entre Santiago e a súa Universidade, sen concibirse unha sen a outra.
En nome dos estudantes homenaxeados falou Paula Suances Díez, do IES Eusebio da Guarda, que obtivo a mellor nota de Galicia dentro da Opción B de Bacharelato e o director do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, Rafael Táboas Pastor, en representación dos centros de Ensino Medio de Galicia.
Entrega de premios Juan Casas Rigall, profesor da Facultade de Filoloxía da USC, como presidente do xurado do Concurso de Relato Curto ‘Cómo te imaxinas na USC?’, entregou os premios do certame á gañadora, Alba Cid Fernández, de 2º de bacharelato do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, que presentou o traballo ‘A raiola precisa’, do que leu un fragmento durante o acto. A mención de honra recaeu en Nerea Sarmiento Carrera, que cursou 2º de Bacharelato no Colexio Sta. Teresa de Jesús de Ourense, por ‘Dende o asento’.
Esta é a cuarta edición do concurso organizado polo Programa A Ponte entre todos os estudantes de Ensino Medio de Galicia a través dos seus centros de estudos.