Ir o contido principal

A USC impulsa un campus formativo en materia de emprendemento no sector artístico e cultural

Cartel da feira
Cartel da feira
Esta formación que bota a andar o luns 26 é o paso previo á Feira que Universidade e Concello de Santiago organizan o venres 30 de setembro no Teatro Principal e que contará con espazos expositivos e mesas de debate integradas por “entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes”
Santiago de Compostela

O Campus de Emprendemento que impulsan USC e Concello de Santiago bota a andar este luns 26 de setembro. Esta é unha formación previa á Feira de Emprendedoras que o Teatro Principal acollerá o vindeiro venres 30 e na que se darán cita “entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido”, coas futuras xeracións de emprendedoras. Trátase dun espazo de diálogo directo no que compartir experiencias, inquedanzas e aprender, tal e como explica Eva López Barrio, directora de Woman Emprende. O evento céntrase este ano no sector artístico e cultural.

A formación estenderase ata o 29 de setembro, tamén no Teatro Principal, en horario de 17.00 a 20.30 horas, e correrá a cargo de Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro. O Campus de Emprendemento é gratuíto para as universitarias da USC “con inquedanzas por descubrirse, a través das técnicas teatrais, a si mesmas, as súas habilidades, os seus soños, e medrar como persoas e futuras profesionais”, apuntan dende a organización. As inscricións poden formalizarse a través deste formulario. Tras a formación, o mesmo día 30 de setembro, no marco da Feira, as alumnas realizarán unha mostra teatral a carón de Mónica García, pertencente ao Grupo Chévere, e da artista interdisciplinaria Celia Pía. O acto inaugural da feira que estará aberta ao público en xeral, comezará a partir das 10.00 horas do venres. Xunto á parte expositiva, desenvolveranse diversas mesas de debate que abordarán distintos aspectos do emprendemento feminino no eido artístico e cultural.

Programa

‘A transmisión da cultura. Loita e perseveranza’ será obxecto de análise por parte de Antía Otero de Apiario Editora, Chus Costoya da Libraría Pedreira, Iria Silvosa de Numax, e Pilar Rodríguez e Mercedes Vázquez de dehistoria S.L.L. A continuación, dende o eido da propiedade intelectual, intervirá Lydia Fernández; xunto coa profesional da tatuaxe, Jana Lorenzo; a escultura e pintora, Roni Herrán; e a pintora María Feijoo. Todas elas integrarán a mesa titulada ‘Abrirse camiño nas artes plásticas. Como protexer a propiedade intelectual’.

En materia de ‘Perspectiva de xénero sobre o escenario. Como crear marca’, disertarán a bailarina de circo artístico, Raquel Oitavén; Sara Rodríguez, en representación de ‘Magia en la Manga’; a actriz do Grupo Chévere, Patricia de Lorenzo; e o responsable da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. Finalmente, a mesa ‘Emprendemento no sector musical’ contará coa participación da gaiteira Susana Seivane; a baixista do grupo Zënzar e ilustradora, Laura Romero; Xiana Lastra e Andrea Porto de ‘A Banda da Loba’; e María José Cerviño, da Escola de Música Berenguela. Toda a xornada poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube oficial de Woman Emprende.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2022.