A USC impulsa a creación de tres novas empresas de base tecnolóxica de alto grao de innovación

Un alto grao de innovación e a posibilidade de xerar emprego altamente cualificado a curto e medio prazo son algunhas das características que comparten Biostatech, Cilenis e Aquagene, as tres spin-off cuxa creación acaba de recibir a aprobación do Consello de Goberno da USC. A USC estará representadas en cada unha delas cunha participación no seu accionariado do 10% no caso da primeira e do 5% nas outras dúas.
Os campos que cubrirán no desenvolvemento da súa actividade son os servizos de biostatística, procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística e a xenética aplicada á acuicultura e á conservación de recursos.
Aquagene
Este proxecto ten a súa orixe na experiencia do grupo ACUIGEN, pertencente ao Departamento de Xenética, na prestación de servizos relativos a xenética evolutiva dos peixes, xestión e conservación de recursos xenéticos, xenómica estrutural e funcional de peixes, mapas xenéticos e mellora xenética de peixes, métodos de xenotipado e xenética en acuicultura.
O grupo Acuigen da Facultade de Veterinaria traballa neste eido dende o ano 1987 estando a súa actividade avalada por un importante número de proxectos públicos e contratos con empresas do sector. O labor do grupo xa deu acceso a unha incipiente carteira de clientes que agora poderá ser incrementada pola empresa. Os principais promotores da USC implicados nesta iniciativa son o profesor Paulino Martínez, o investigador Adrián Millán e as técnicas Mónica África Otero e María Portela.
Biostatech
O traballo do grupo Interdisciplinar de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía GRID ECMB da USC está na orixe desta nova empresa de base tecnolóxica. A súa creación é consecuencia da crecente demanda de asesoramento bioestatístico e de cursos de formación e perfeccionamento de estatística no ámbito das ciencias da vida.
A principal actividade da empresa consistirá en proporcionar servizos en Bioestatística no ámbito da formación e dos servizos consultivos altamente especializados nas áreas de coñecemento pertencentes ás ciencias da vida, con especial énfase no desenvolvemento de investigacións nas Ciencias da Saúde. Concretamente, o proxecto ofrecerá saída aplicada e comercial aos resultados do grupo orixinario en materia de estatística teórica, computacional (técnicas de aceleración computacional e desenvolvemento de software) e investigación en estatística aplicada.
Os principais promotores vinculados á USC son, a modo de socios capitalistas, a profesora Carmen Cadarso e as investigadoras Isabel Martínez e Altea Lorenzo, ademais do doutor Vicente Lustres, que será tamén socio traballador.
Cilenis
Investigadores do grupo Procesamento da Linguaxe Natural (ProLNat) impulsan Cilenis, unha empresa de base tecnolóxica cuxo principal obxectivo é o desenvolvemento de produtos e solucións baseados nos últimos avances na investigación do procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística.
Este spin-off buscará saída comercial ás liñas de investigación desenvolvidas por ProLNat en particular na extracción de información bilingüe a partir de corpus comparables e de similitudes semánticas en corpus monolingües, o pre-procesamento de textos e a análise sintáctica parcial baseada en dependencias. Nos últimos anos, o grupo realizou traballos baixo a demanda materializados en catro contratos empresa-universidade. Son os principais promotores vinculados á USC os investigadores Pablo Gamallo, Iría del Río e Marcos García.
Recursos relativo ao programa Parga Pondal
O Consello de Goberno aceptou ademais os recursos de reposición presentados polos distintos órganos de representación do PDI laboral e funcionario e por trece investigadores contra o acordo adoptado por este mesmo órgano a finais do pasado ano sobre o remate de contrato de investigadores dos programas Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal.
Esta decisión deixo en suspenso, como se solicitaba nos recursos, o acordo do Consello de 29 de novembro polo que a USC se comprometía a crear sete prazas para estes investigadores (unha por área de coñecemento e outras dúas para contratados Ramón y Cajal con programas Starting Grant) así como outras tantas en áreas deficitarias e o correspondente proceso de avaliación dos currículos de investigadores. Á convocatoria de avaliación presentáronse neste mes de xaneiro un total de sete solicitudes.