Ir o contido principal

A USC impulsa nove proxectos de transferencia para achegar á sociedade resultados de investigación

O Comité Avaliador integrábano, de esquerda a dereita, Pablo Ortiz Betés, de Digna Biotech; Antonio Rodríguez, de R; Steve Cleverley, de Isis Enterprise; José L. Villaverde, por parte da USC; Carme...
O Comité Avaliador integrábano, de esquerda a dereita, Pablo Ortiz Betés, de Digna Biotech; Antonio Rodríguez, de R; Steve Cleverley, de Isis Enterprise; José L. Villaverde, por parte da USC; Carme...

O impacto social e económico dos resultados de investigación vese a miúdo obstaculizado pola existencia dunha fenda entre o seu grao de desenvolvemento á finalización do proxecto e o estado de maduración desexable dende o punto de vista da empresa. Como resposta a esta necesidade, a USC incorporou no seu proxecto de Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida, o programa Acelerador de Transferencia, dirixido a avanzar na demostración do potencial comercial dos seus resultados de investigación que poidan resultar de interese para a empresa. Nesta primeira edición do programa identificáronse un total de 25 proxectos con potencial, dos cales unha vez revisados os requisitos de idoneidade, presentáronse ao Comité de Avaliación once. Os criterios de avaliación das propostas están baseados nos empregados por ISIS Innovation no seu programa Oxford University Challenge Seed Fund, cunha traxectoria de máis de doce anos seleccionando e financiado este tipo de proxectos cun éxito notable. En palabras do director de ISIS, Tom Hockaday “é difícil imaxinar os resultados na transferencia de tecnoloxía na Universidade de Oxford sen contar con este programa”. Valorando aspectos relacionados co propio resultado de investigación, como o grao de protección ou de novidade, e outros máis orientados a avaliar o mercado potencial ou o tempo necesario para acadar acordos con axentes externos, o Comité de Avaliación do Acelerador de Transferencia, formado principalmente por expertos do mundo empresarial no desenvolvemento de novos negocios, propuxo para o seu financiamento nove proxectos. Amplo abano de tecnoloxías Estes proxectos abranguen un amplo abano de tecnoloxías que inclúen o eido das TIC aplicadas á saúde, como a plataforma Servando,un sistema de monitorización docimiciliaria de pacientes utilizando teléfonos móbiles intelixentes (smartphones) que dirixe o doutor Paulo Félix. No proxecto tratarase de validar o uso desta plataforma para levar a cabo a monitorización na casa de pacientes con insuficiencia cardíaca e demostrar que o seu uso reduce tanto o número de hospitalizacións como a estancia media no hospital deste tipo de pacientes. No caso do proxecto coordenado polo doutor Justo Arines, validarase nun entorno hospitalario a capacidade de mellorar imaxes médicas mediante a aplicación da técnica de procesamento de imaxe Wavefront coding e permitir aumentar as posibilidades dun diagnóstico temperá. No campo da biomedicina, baseándose nos traballos do grupo do profesor Francisco Otero avanzarase na demostración da viabilidade dunha nova formulación farmacéutica de maior eficacia na administración de corticoides e antipsoriáticos en infeccións das unllas. Noutro dos casos para acadar a comercialización do novo método de clonación de ADN desenvolvido pola doutora Lourdes Domínguez, fabricarase un prototipo de kit e presentarase a potenciais empresas licenciatarias en eventos internacionais. Este novo método constitúe tanto unha valiosa ferramenta de investigación como unha alternativa para a produción de proteínas terapeúticas, como é o caso da insulina. Algunhas das propostas teñen relación con sectores económicos de grande importancia en Galicia como o traballo dirixido pola profesora da Facultade de Veterinaria, Rita Sánchez-Andrade que probará a viabilidade, xa demostrada en equinos, da incorporación de fungos parasiticidas en pensos para gando vacún co obxectivo de reducir a utilización de fármacos antiparasitarios. O grupo de investigación dirixido por Jose Manuel Leiro liderará unha proposta na que se tratará de demostrar que un novo adxuvante baseado na utilización de microesferas, pode ser aplicado para o desenvolvemento de novas vacinas para salmón e rodaballo. A tecnoloxía tiña demostrada a súa viabilidade nunha vacina contra a escuticociliatose do rodaballo pero requiría unha proba de concepto para vacinas destinadas a especies con maior cota de mercado. O escalado do proceso de extracción de sustancias antioxidantes e antimicrobianas de gran valor para a industria cosmética constitúen o obxecto do proxecto liderado pola profesora Marta Lores. O proceso validado xa no laboratorio permite un aproveitamento alternativo do bagazo de uva alvariño co que se lle confire ao produto resultante un carácter diferenciador e se achega un valor engadido o sector vitivinícola galego. En tecnoloxías de aplicación industrial, despois de ter demostrado no laboratorio a posibilidade de formar nanopartículas estables en líquidos iónicos ‘ionanofluidos’ a liña de investigación da profesora Eva Rodil dentro do equipo de investigación liderado polo profesor Alberto Arce levará a cabo o escalado dun proceso de produción limpa de nanopartículas en líquidos iónicos. Estes ionanofluidos resultan de grande interese para empresas do sector químico, petroquímico ou electroquímico, entre outros, polas súas propiedades térmicas, eléctricas e químicas. No grupo coordenado pola profesora María del Carmen Bao, traballarase na fabricación de prototipos de lentes GRIN que incrementarán e mellorarán as capacidades dos actuais láseres permitindo o desenvolvemento de novos procesos no eido industrial en diversas aplicacións. O persoal técnico da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) fará un seguimento do nivel de execución dos fitos técnicos marcados nos diferentes proxectos, e no caso de non obterse resultados satisfactorios, interromperíase a achega de financiamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2012.