Ir o contido principal

A USC impulsa o voluntariado no campus de Lugo coa oferta dun curso de formación básica en modalidade semipresencial

Carme Silva e Fátima Teixeiro, na presentación da programación de Voluntariado da USC en Lugo
Carme Silva e Fátima Teixeiro, na presentación da programación de Voluntariado da USC en Lugo
Silva salienta o carácter flexible da programación de voluntariado da USC ao tempo que sinala que a crecente participación de universitarios neste tipo de actividades

O Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC ofrece a posibilidade de completar no campus de Lugo un curso de formación básica en voluntariado na modalidade semipresencial, segundo adiantou este mércores a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, quen tamén salientou a flexibilidade dunha oferta formativa que poderá realizarse en calquera data do curso académico e coa que a USC impulsa e favorece a participación en accións de voluntariado.

O programa do curso está estruturado en nove módulos formativos, todos eles orientados a dar un punto de partida para coñecer como se desenvolve un proxecto de voluntariado. O proceso de formación deste programa conxuga as vantaxes da formación recibida a través do campus virtual da USC co coñecemento práctico de experiencias de proxectos sociais xa desenvolvidos nos ámbitos educativo, atención á diversidade, infancia, igualdade, inclusión social, TIC’s ou, entre outros, educación para o desenvolvemento. As persoas que opten por realizar este curso de formación básica de voluntariado na modalidade sempresencial poderán completar o seu proceso de aprendizaxe con varias sesións de titoría individualiza ou de grupo que se celebrarán no campus de Lugo en horario compatible co horario académico de cada alumno/a. A través destas sesións de titoría, os participantes no curso van poder coñecer un proxecto social enmarcado dentro dalgúns dos nove módulos que forman o programa. Así, de forma práctica as persoas participantes poderán coñecer como se desenvolve un proxecto na realidade, ademais de realizar entrevistas e elaborar as súas propias conclusións para a memoria do curso, segundo explicou a responsable do SEPIU no campus de Lugo, Fátima Teixeiro. O alumnado recibirá orientación a través das titorías sobre o traballo que debe realizar, así como calquera dúbida relacionada co desenvolvemento do curso. As titorías darán comezo unha vez superada a avaliación do primeiro módulo e se for necesario poderanse ampliar a máis de tres sesións, que son as previstas inicialmente. Inscrición e recoñecemento académico O período de matrícula na modalidade semipresencial do curso de formación básica de voluntariado permanecerá aberto ao longo de todo o exercicio académico. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición previa no espazo web do SPIU e pagar os 60 euros das taxas de matrícula, contía que será reembolsada no caso de participar nalgún proxecto de voluntariado. Os estudantes matriculados en calquera dos títulos académicos da USC poderán solicitar o recoñecemento desta actividade formativa por ata dous créditos ECTS. Asemade, aqueles/as estudantes que, logo de completar o curso, soliciten o itinerario de actividades de participación social durante o curso 2014/15 pode recoñecer ata catro créditos ECTS. Unha programación aberta é flexible A programación de actividades de voluntariado da USC está aberta á participación de todo o alumnado, así como de calquera persoa maior de 18 anos que estude unha titulación de grao medio ou superior en Lugo e queira colaborar en actividades desenvolvidas no marco dun programa de acción voluntaria en horario de mañá, tarde ou fin de semana. Este curso básico de formación de voluntariado tamén está aberto a persoas alleas á comunidade universitaria As persoas interesadas poderán colaborar en proxectos fundamentalmente na cidade de Lugo, pero tamén noutras localidades da provincia, en función dos intereses e/ou da demanda por parte das entidades que acollen voluntarios. Na actualidade, os/as voluntarios/as poden colaborar no campus de Lugo en oito ámbitos diferentes (atención á diversidade, saúde, cooperación, educación menores, igualdade, inclusión social e aspectos medioambientais) coas máis de vinte entidades sociais que contan cun convenio de colaboración coa USC para o desenvolvemento de programas de voluntariado. Teixeiro sinalou que as persoas interesadas neste tipo de accións de voluntariado poden atopar no espazo web Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC o catálogo de actividades así como os datos de interese para ampliar a información sobre como participar. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, sinalou asemade que a posibilidade de completar un curso de formación básica de voluntariado nunha modalidade semipresencial é un aliciente máis para que universitarios/as do campus de Lugo se acheguen ao voluntariado, unha opción que conta xa cunha demanda consolidada e que nos últimos ano duplicou o número de participantes. Respecto das accións de voluntariado desenvolvidas en colaboración con outras entidades ou asociacións nas que ten participado o alumando universitario do campus de Lugo, Silva sinalou un amplo abano de programas de lecer, acompañamento e outras actividades varias en colaboración con Alume, Feafes Galicia, Down Lugo, Alucem, Aspnais, Raiolas Autismo Lugo ou, entre outros colectivos, Cogami. O voluntariado da USC tamén tivo presenza ao longo destes últimos anos en iniciativas de Cáritas, como o apoio escolar, roupeiro o ‘Empresas con corazón’, así como con noutros programas das fundacións Juan Soñador, Secretariado Xitano, Madreselva, no CPI de Castroverde ou colaboracións coa asociación Enriqueta Otero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2014.