Ir o contido principal

A USC impuxo as Insignias Fonseca a 313 integrantes do seu cadro de persoal

O acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia serviu para outorgar as Insignias correspondentes aos cursos 2019-2020, 2020-2021 e 2022-2023.  FOTO: Santi Alvite
O acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia serviu para outorgar as Insignias correspondentes aos cursos 2019-2020, 2020-2021 e 2022-2023. FOTO: Santi Alvite
Trátase da distinción coa que a institución universitaria recoñece as traballadoras e traballadores que prestaron servizos durante máis de 30 anos
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 313 integrantes do cadro de persoal da USC recibiron este xoves 22 a imposición da Insignia Fonseca coa que a Universidade recoñece as traballadoras e traballadores que prestaron servizos á institución universitaria, durante máis de 30 anos en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente a ela. O acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia serviu para outorgar as Insignias correspondentes aos cursos 2019-2020, 2020-2021 e 2022-2023. A listaxe completa de persoas que recibiron a Insignia Fonseca pode consultarse nesta ligazón.

“A historia hai que vela nas persoas que compuxeron, compoñen e compoñerán a universidade. Grazas pola vosa dedicación”, afirmou Antonio López. O reitor subliñou durante a súa intervención como esta xeración que xa acumula 30 anos de dedicación ao servizo da Universidade “segue xogando” un papel fundamental: transmitir coñecemento para, quen queira, sexa capaz de desenvolver un papel socialmente relevante. Neste grupo de universitarios, o reitor identificou a toda unha xeración que afrontou a maior transformación experimentada pola universidade en toda a súa historia. Como principais fitos desta época, dende as décadas dos 80 e dos 90, Antonio López destacou a reforma universitaria para a adaptación da institución ao espírito democrático, a segregación das universidades públicas galegas pasando de unha a tres no conxunto da comunidade, o proceso de dixitalización iniciado nos 90, ata chegar a crises financeiras ou mesmo sanitarias. “Grazas a toda a comunidade universitaria que co seu traballo foi capaz de construír unha magnífica universidade”, sentenciou.  

Xunto ao reitor, participaron no acto de imposición Dulce Mª García Mella, secretaria xeral; Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; Mª José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Francisco J. Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo; Ernesto Xosé González Seoane; vicerreitor de Profesorado; Mª del Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura; Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación; Javier Ferreira, xerente da USC; e Cecilia Sierra, presidenta do Consello Social.  Manuel Boquete Botana interveu en nome do Persoal de Administración e Servizos da USC, mentres que Emilio V. Carral Vilariño e Dolores Vilavedra Fernández fixérono en representación do profesorado dos campus de Lugo e Santiago.

A profesora Vilavedra fixo unha alusión directa á situación vivida nos últimos anos por mor da pandemia. “Sobrevivimos porque actuamos como unha comunidade” que pospuxo os seus intereses particulares, dixo. O desafío ao que como colectividade se enfronta a universidade é “recuperar o sentido de comunidade o antes posible. É responsabilidade nosa restituír a dimensión como comunidade na que recoñecernos e abeirarnos” para que a universidade non deixe de ser aquela ferramenta capaz de cambiar o mundo.

Manuel Boquete Botana rememorou as tres décadas de servizo colectivo á Universidade, o que os converte tamén en protagonistas da evolución da institución. É singular traballar nunha institución centenaria chamada a perdurar, dixo. Emilio Carral, pola súa parte, puxo o foco en como cando se repasan 30 anos de dedicación, constátase que continúa sendo necesaria a contribución ao proceso de construción colectiva, alén de seguir tendo disposición e dispoñibilidade para atender as novas xeracións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2022.