Ir o contido principal

A USC inaugura en Fonseca unha mostra de gravados da obra de Rubens dos últimos catro séculos

A mostra 'Gravados de Rubens' inaugúrase este xoves 18 ás 20:00 horas

Rubens, un dos pintores barrocos máis significativos da escola flamenca, creou un importante obradoiro formado cos mellores pintores da época seguindo a tradición iniciada no XV por artistas como Durero de realizaren ilustracións con distintas técnicas para diminuír o custe e ampliar o número de compradores.
Para a súa realización precisábase a colaboración de profesionais especializados como debuxantes, gravadores, estampadores ou editores. Rubens rodeouse dos máis recoñecidos gravadores do momento como Lucas Emil Vorstemn, Pontius, Cornelio Danckerts, Theodor van Thulden ou Cornelio Galle. Ademais, logo da súa morte houbo moitos proxectos de reprodución artística da súa obra entre os que destacan a serie de gravados que reproduce o ciclo de pinturas de María de Medicis ou o ‘Hércules e Onfale’, reproducida polo académico español Juan Antonio Camacho e que foi editada pola Real Academia de San Fernando.
Estes e outros gravados da obra de Rubens datados entre o século XVII e principios do XX, nun total de 40, exporanse a partir deste xoves 18 no Colexio de Fonseca da USC. A mostra, produción do Museo del Arte del Grabado a la Estampa Digital de Ribeira en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura da USC, inaugurarase ás 20:00 horas no Colexio de Fonseca nun acto ao que asisten a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e o presidente da Fundación do mencionado Museo, Javier Expósito.
As obras exhibidas permiten a observación non só dos distintos xéneros practicados no seu obradoiro, como paisaxes ou retratos, temas mitolóxicos ou históricos..., senón das fieis características das composicións, o tratamento efectista da luz ou as naturezas exuberantes deste gran mestre.
‘Gravados de Rubens’ poderase visitar ata o 14 de marzo de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2010.