Ir o contido principal

A USC inaugura en Lugo a mostra 'Vermellas' en homenaxe ás mulleres represaliadas na Guerra Civil

A exposición estará aberta ata o 5 de maio na Sala Isaac Díaz Pardo

A exposición ‘Vermellas. Chamábanlles rojas’, que rende homenaxe ás mulleres que sufriron represalias en Galicia tras o Golpe de Estado de 1936, inaugúrase este venres 6 na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo coa asistencia do vicerreitor de Cultura, Elías Torres Feijó; o vicerreitor de Relacións Exteriores, Lourenzo Fernández Prieto; a decana de Veterinaria, Ana Bravo e representantes da Xunta de Galicia, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.
Tras acto inaugural, que comezará ás 20:00 horas, os grupos Grex, Snail, Basi e Iván y Josito ofrecerán un concerto gratuíto e no que presentarán o álbum ‘Na memoria’, ás 20:30 horas no Auditorio do centro.
A mostra amosa a represión e as súas diferentes tipoloxías a través da figura de mulleres que por distintas razóns sufriron humillacións e vexacións que as conduciron ao cárcere ou á morte dun xeito dramático. Entre as mulleres representadas nesta exposición recórdase á intelectual republicana Juana Capdevielle, que foi asasinada xunto co futuro que levaba no ventre, porque estaba embarazada, como se recolle en Atracción total, da profesora Carmen Blanco, membro do equipo de traballo que organiza a mostra, e cuxo cadáver foi abandonado nunha cuneta na estrada Madrid-A Coruña.
Esta exposición conta con abundante documentación literaria, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do Proxecto de Investigación Interuniversitario ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’ dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea na USC Lourenzo Fernandez Prieto, cun labor de asesoramento histórico do traballo, coa achega de diferentes gráficas e un mapa no que poder pescudar a represión exercida ás mulleres durante a represión franquista.
Así mesmo, o Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo procedentes dos resultados da investigación que o equipo leva desenvolvendo desde o 2006, e conta cun importante fondo documental e oral, con 403 entrevistas, algunhas delas seleccionadas para esta exposición.
EncontrosAta o peche da mostra, o 5 de maio, haberá na propia sala de exposición diferentes encontros relacionados coa temática da represión. Así, celebraranse varias conferencias nas que participarán a profesora de Historia Contemporánea e coordinadora do Proxecto de Investigación ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’ Chus Souto; a profesora de Literatura Galega Carmen Blanco e os investigadores Antonio Somoza Cayado e Gustavo Hervella García, que presentarán os resultados do estudo, atendendo de xeito especial á represión de xénero tras o Golpe de Estado. Outro acto programado será o recitado e presentación do poemario ‘Ámote vermella’, de Claudio Rodríguez Fer.
VisitasA exposición, que está enmarcada no Convenio Lugo Cultural, estará aberta de luns a venres, de 13:30 a 16:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas. Tamén se poderán concertar visitas guiadas chamando ao teléfono 982.285.900. Ext. 21511.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2009.