Ir o contido principal

A USC inaugura este venres a escultura dedicada aos represaliados da USC entre 1936 e 1942, obra de Acisclo Manzano

“Vae victis 1936 ...”. Asíreza na estrela iluminada que se sostén nunha columna oca á entrada da obra que Acisclo Manzano esculpiu para que a Universidade de Santiago lembre para sempre ao profesorado, persoal e estudantes da Universidade de Santiago represaliados no período 1936-1942. Este novo lugar de memoria pecha os actos académicos en recoñecemento das vítimas dos procesos depuradores que comezaron coa guerra civil.
A inauguración oficial desenvolverase este venres, día 29, ás 11:30 horas no Campus Sur (enfronte aos Colexios Maiores), nun acto no que intervirán o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o reitor da USC, Senén Barro; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; e a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino. Asistirán ademais a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; a primeira tenente de alcalde de Compostela, Mar Martín; o reitor de Vigo, Alberto Gago; o presidente do Consello Social, Manuel Puga; así como o equipo de dirección da USC e demais personalidades.
Remuíño de anxos da sapienciaCunhas dimensións de 4 metros de alto e 15 de diámetro, este grupo escultórico está formado por varias pranchas de ferro ‘corten’ con siluetas escalonadas dispostas en círculo semellando un labirinto. Visto de maneira frontal alcanza a súa máxima altura no centro para ir diminuíndo no círculo exterior.
Acisclo Manzano quixo lembrar a aqueles intelectuais que a partir de 1936 tiveron que marchar deixando “voar” todos os seus traballos culturais, “botando ao vento os seus frutíferos pensamentos”. Trátase dun remuíño, unha espiral chea de anxos, deuses “e outros protectores da sapiencia que se botan a voar, esparexéndose”, explica o autor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2007.