A USC inaugura este xoves oficialmente o curso 2012-2013 cun acto académico en Fonseca
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, preside este xoves 6 o acto académico da solemne apertura do curso 2011-2012 que se desenvolverá no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 12.00 horas (retransmitirase pola canle directa de USC TV). O acto comezará coa lectura da Memoria do Curso Académico pasado a cargo da secretaria xeral da USC, Lourdes Noya, para continuar coa lectura da lección maxistral que este ano lle corresponde á Facultade de Ciencias Políticas e Sociais á que pertence o catedrático de Ciencia Política Ramón Máiz, que falará sobre ‘Ciencia política e federalismo na Europa do século XXI’. O programa continuará coa entrega da Insignia de Fonseca a corenta e cinco integrantes da comunidade universitaria, catorce do cadro de Persoal de Administración e Servizos e os restantes do Persoal Docente e Investigador. Este recoñecemento concédese a quen prestase os seus servizos na USC durante máis de 30 anos. En representación do profesorado falará Guillermo Rojo e do PAS María José Justo. Rematará o acto académico coa lectura do discurso do reitor. Autoridades Ademais do equipo de dirección da Universidade compostelá e de representantes das outras dúas galegas, a cerimonia contará coa presenza do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; do alcalde da cidade, Ángel Currás; e outras autoridades académicas e civís.