A USC inaugurou a escultura dedicada aos represaliados da USC entre 1936 e 1942, obra de Acisclo Manzano

“Vae victis. 1936 ...” Asíreza na estrela iluminada que se sostén nunha columna oca á entrada da obra que Acisclo Manzano esculpiu para que a Universidade de Santiago lembre para sempre ao profesorado, persoal e estudantes da Universidade de Santiago represaliados no período 1936-1942. Este novo lugar de memoria pecha os actos académicos en recoñecemento das vítimas dos procesos depuradores que comezaron coa guerra civil.
A inauguración oficial da escultura tivo lugar no Campus Sur (enfronte aos Colexios Maiores) nun acto no que interviñeron numerosas personalidades políticas e académicas. O reitor da USC, Senén Barro, afirmou que coa homenaxe “non pretendemos reescribir o pasado, pero si queremos que o presente e o futuro se escriban con liñas máis dereitas”. Trátase, continuou, de “facer un acto de xustiza, devolvendo ao seu Campus, e xa para sempre, a todas aquelas mulleres e homes que foron traumática e inxustamente separados del”.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cualificou o acto de “homenaxe xusta” coa que a comunidade galega “quere expresar simbolicamente a súa condena do mal, das ditaduras, da violencia e da inxustiza”. Este monumento revivirá e deixará asentado para sempre “o recordo de moitos homes e mulleres que viron as súas traxectorias académicas e vitais segadas precisamente no momento en que empezaban a dar os seus mellores froitos”. No mesmo senso pronunciouse a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, para quen a escultura supón a recuperación da memoria “e tamén da dignidade”. Pola súa banda, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, quen felicitou á USC por esta “magnífica iniciativa”.
Honrar a memoria das vítimas da inxustiza e instaurar un novo lugar de lembranza son dúas das cargas simbólicas da escultura de Acisclo Manzano que “falará dende hoxe polos que calaron hai setenta anos”, indicou no acto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández. Del houbo tamén referencia ás familias dos expulsados, “que son os que máis aprecian esta homenaxe por restituír a verdade e recoñecer un pasado negado”. Aludiu tamén o vicerreitor ao extenso traballo de investigación que dá soporte a este acto, tanto por parte do artista ourensán autor da obra como de historiadores como Ricardo Gurriarán ou dos familiares dos represaliados.
Ao acto inaugural da escultura asistiron ademais a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; a primeira tenente de alcalde de Compostela, Mar Martín; os reitores de Vigo e A Coruña, Alberto Gago e José María Barja, respectivamente; o presidente do Consello Social, Manuel Puga; así como o equipo de dirección da USC e demais personalidades.
Remuíño de anxos da sapienciaAcisclo Manzano quixo lembrar a aqueles intelectuais que a partir de 1936 tiveron que marchar deixando “voar” todos os seus traballos culturais, “botando ao vento os seus frutíferos pensamentos”. Trátase dun remuíño, unha espiral chea de anxos, deuses “e outros protectores da sapiencia que se botan a voar, esparexéndose”, explica o autor.
A escultura sitúase no Campus Sur, entre os colexios maiores que xa existían na época e nos que –contextualiza o artista- “se truncaron determinadas producións intelectuais”. Concretamente, a obra atópase fronte ao edificio do Colexio Maior Fonseca, no centro do espazo coñecido como Residencia e promovido na época da II República polo reitor Cadarso, que lle dá nome á propia praza.
Cunhas dimensións de 4 metros de alto e 15 de diámetro, este grupo escultórico está formado por varias pranchas de ferro ‘corten’ con siluetas escalonadas dispostas en círculo semellando un labirinto. Visto de maneira frontal alcanza a súa máxima altura no centro para ir diminuíndo no círculo exterior.
RepresaliadosForon en total 44 profesores e cinco traballadores da administración e servizos os represaliados da USC, dos que hoxe só viven Francisco Fernández del Riego e Antonia Ferrín Moreiras.
A homenaxe in memoriam pretende ser un acto de xustiza con todo o profesorado e persoal da Universidade de Santiago “depurado” tras o Golpe de Estado de 1936. Os procesos depuradores provocaron un afastamento definitivo da docencia, o exilio e, en definitiva, unha irreparable perda para a institución universitaria ao excluír un capital humano e científico de gran potencialidade.