Ir o contido principal

A USC incentiva a programación en Lugo da súa Universidade de Verán 2015 con achegas de ata 2.000 euros por actividade

Carme Silva, Javier Bueno e Lara Méndez
Carme Silva, Javier Bueno e Lara Méndez
O prazo desta convocatoria de axudas, que busca dar visibilidade e achegar á sociedade o labor desenvolvido no campus lugués, rematará o próximo 18 de decembro

A USC impulsa a organización de actividades da Universidade de Verán da USC no campus e na provincia de Lugo ao longo de 2015 a través da apertura dunha liña específica de financiamento que contempla axudas de ata un máximo de 2.000 euros para cada unha das propostas aprobadas, segundo adiantaron este mércores os vicerreitores de Coordinación e de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno e Carme Silva, respectivamente, nun acto no que tamén participou a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez.

A posta en marcha desta nova liña de axudas, que é unha das accións xa contempladas no plan de choque a prol do campus de Lugo asinado entre Deputación de Lugo e USC a mediados de xuño, pretende servir de estímulo para potenciar a visibilidade da actividade docente e de investigación que se está a desenvolver nos distintos centros da sede universitaria luguesa, segundo indicou Javier Bueno. O vicerreitor de Coordinación entende ademais que esta nova liña de axudas para a organización de programas formativos estivais reforza a vocación pública e de participación social da USC e, nomeadamente, do campus de Lugo como elemento substancial de vertebración da poboación e do territorio a través da ciencia e da transmisión de coñecemento. A contía máxima das achegas por cada actividade formativa proposta é de 2.000 euros e os requisitos fixados para a obtención das axudas desta liña de financiamento establecen que as distintas actividades incluídas na Universidade de Verán 2015 da USC beneficiarias destas achegas teñen que celebrarse nalgunha sede da provincia de Lugo. Asemade, a dirección e/ou a secretaría do referido programa formativo debe corresponder a docentes, investigadores e/ou persoal de administración e servizos da USC con adscrición ao campus lugués. A maior ou menor duración dos programas de formativos propostos, a súa contribución para dar visibilidade e promover aspectos da docencia e da investigación do campus de Lugo, a organización de actividades abertas ao público en xeral, a relevancia e o prestixio dos relatores e a implicación ou colaboración dalgunha entidade institucional ou social radicada na provincia de Lugo na organización dos cursos de verán ofertados da USC en 2015 serán outros dos criterios a ter en conta á hora de establecer a contía das axudas, explicou a vicerreitora Carme Silva. A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, lembrou que esta acción de impulso da Universidade de Verán da USC é a terceira das 13 incluídas no plan de choque a prol do campus de Lugo, ao que a Deputación destina 500.000 euros e que xa permitiu reverter a progresiva caída da matrícula rexistrada nos últimos anos, cun lixeiro aumento do número de novas matrículas nas titulacións impartidas no campus. Respecto da convocatoria de axudas para impulsar actividades formativas estivais en Lugo, Méndez indicou que o seu obxectivo pasa impulsar a cidade de Lugo e, por extensión, a provincia, como enclaves universitarios ao longo de todo o ano. Lara Méndez comprometeu asemade “o apoio incondicional da Deputación á educación pública de calidade, así como á investigación, ó desenvolvemento e á innovación”. Prazo e lugar de presentación de solicitudes Os membros da comunidade universitaria da USC interesados/as en participar nesta convocatoria específica da axudas para a celebración de cursos verán da USC, simposios ou outras actividades formativas estivais incluídas na Universidade de Verán da USC poderán presentar as súas correspondentes solicitudes ata o 18 de decembro a través do enderezo de correo electrónico vr.lugo [at] usc.es (vr[dot]lugo[at]usc[dot]es). As persoas interesadas deberán remitir xunto coa súa solicitude unha ficha informativa na que se indique título e obxectivos do curso, duración, público a quen vai dirixido, ademais dunha breve descrición de contidos e unha memoria económica provisoria. Unha comisión, integrada polos tres vicerreitores do campus de Lugo, así como polas dúas técnicas da área de Cultura da sede universitaria luguesa, decidirá as accións formativas susceptibles de recibir financiamento e a contía das achegas concedidas. A citada comisión fará pública a súa decisión non máis tarde do 15 de xaneiro de 2015.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2014.