Ir o contido principal

A USC incrementa a súa reputación académica segundo o QS World University Ranking 2020

A USC destaca asemade en trece materias das cinco grandes áreas de coñecemento. FOTO: Santi Alvite
A USC destaca asemade en trece materias das cinco grandes áreas de coñecemento. FOTO: Santi Alvite
Unha listaxe elaborada polo CSIC identifica tamén a máis dun centenar de investigadores da Universidade entre os máis relevantes en función do seu índice h
Lugo, Santiago de Compostela

A última edición do QS World University Ranking constata que a USC incrementou en sete postos a súa reputación académica, situándose na posición 416 do mundo. Esta clasificación é froito dunha sondaxe anual deseñada para avaliar a percepción que suscitan as mellores institucións educativas, a nivel internacional, no relativo ao eido investigador. Na edición de 2020, o ránking QS recolleu 102.500 respostas.

Esta listaxe, alén de avaliar a reputación, a cal abrangue o 40% da cualificación final que recibe cada institución académica, toma tamén en consideración o prestixio en termos de empregabilidade (10% da puntuación final); a relación entre número de persoal académico e número de estudantes, xa que un alto número de docentes por estudante é interpretado como indicio de compromiso por parte da universidade (20% do resultado final); o promedio de citacións obtidas por cada membro de cada facultade (20%); e a proporción de persoal internacional (5%); así como de estudantado procedente doutros países (5%). En base a esta metodoloxía, a USC sitúase a nivel global no intervalo 701-750 nunha listaxe na que toman parte 26 institucións españolas.

Clasificación por materias

No relativo ao Ránking QS 2020 por materias, a Universidade mantense entre as mellores do mundo en Artes e Humanidades —onde se rexistra un ascenso de 50 posicións ata o posto 341—, Ciencias da Vida e Medicina, así como en Ciencias Naturais. A USC destaca asemade en trece materias das cinco grandes áreas de coñecemento. 

Ránking CSIC

O prestixio investigador da Universidade quedou patente tamén na listaxe de persoal investigador que acaba de facer público o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e en cuxo primeiro tramo (Top 5000), a USC logra situar 103 nomes propios. Esta clasificación constitúe un ránking con nomes de científicos e científicas que realizan o seu traballo tanto en institucións españolas como estranxeiras en función do índice h obtido a partir do seu perfil público no ámbito de Google Scholar. A listaxe consta dun total de 82.000 perfís. Asemade, o Center for World University Rankings (CWUR) e o U-Multirank manteñen á USC entre as mellores universidades do mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2020.