Ir o contido principal

A USC inicia a implantación dunha nova aplicación de Recursos Humanos, Universitas XXI

A Universidade de Santiago de Compostela está a implantar un produto único e integral de xestión de recursos humanos que se prevé culminar cun portal do empregado que dote de servizos en liña a todo o persoal da USC. A institución compostelá responde así aos obxectivos previstos no seu Plano Estratéxico no relativo a xestión.
O proxecto, dirixido pola Xerencia, iniciouse a finais do ano 2007 coa participación da Oficina de Cooperación Universitaria (OCU), empresa cunha ampla experiencia no ámbito dos recursos humanos universitarios e propietaria dunha aplicación implantada noutras 28 universidades públicas. Trátase de lograr un sistema único para a xestión da información e os procesos de recursos humanos, partindo da homoxeneización da información e apoiándose na administración electrónica.
Con este propósito iniciouse a implantación de UNIVERSITAS XXI – Recursos Humanos que unha vez posta en marcha suporá a xestión integral dunha serie de procesos como a relación de postos de traballo, procesos selectivos e expediente persoal, cálculo automático da nómina, obtención de certificados e impresos oficiais, actualización das retencións de I.R.P.F., unificación no expediente dos datos de formación e xestión integral dos plans de formación, entre outros. Proporcionará tamén ferramentas de simulación e orzamentación do capítulo de persoal e información de xestión e análise que facilitará o estudo do estado dos recursos humanos na Universidade.
Neste sentido, no mes de xaneiro realizarase a través desta aplicación o cálculo e máis o pago da nómina do mes, tal e como se recollía no calendario do proxecto, e porase en marcha o ‘Portal do empregado’, ferramenta que incidirá na aplicación de novas tecnoloxías nas canles de comunicación dos servizos de xestión coa comunidade universitaria. Nunha primeira fase esta poderase utilizar para obter o recibo de nómina, consultar os datos retributivos e a modificación directa dos datos persoais e bancarios, o que suporá unha axilización da xestión.
Nunha segunda fase traballarase na consulta de datos administrativos, obtención de certificados, solicitude e aprobación de vacacións e outros trámites que faciliten a comunicación en liña coa Área de Recursos Humanos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2009.