A USC e o Inludes comprométense a renovar por cinco anos máis o convenio que permite a celebración no campus de Lugo do tradicional curso de micoloxía

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, anunciaron a próxima renovación do convenio entre a USC e o Inludes para continuar outros cinco anos máis cos cursos de micoloxía que se celebran todos os anos na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
Este anuncio foi realizado durante o acto de inauguración da décimo quinta edición deste curso, que tivo lugar o luns pola tarde no salón de actos da Escola Politécnica Superior, onde tamén participaron o subdirector da EPS, Francisco Javier López, e o director do curso, Antonio Rigueiro.
O curso, con carácter gratuíto, desenvólvese todas as tardes ata o venres 9, entre as 19:30 e as 21:30 horas. Os temas incluídos nesta acción formativa tratan sobre fungos tóxicos para animais, cogomelos comestibles e tóxicos, a produción controlada e os fungos medicinais. Ao longo do curso haberá unha exposición de cogomelos fronte ao salón de actos da EPS.
A parte docente do curso estará a cargo de profesores especialistas da USC, como Antonio Rigueiro Rodríguez, Juan Luis Fernández Lorenzo, Rosa Romero Franco e Ignacio García González. Así mesmo, actuarán como relatores Manuela Buján Saco, doutora en Bioloxía; Antonio Rodríguez Fernández e Francisco Javier Fernández de Ana Magán, do Centro de Investigación e Información Ambiental de Lourizán (Pontevedra); a profesora da Universidade de Vigo Marisa Castro Cerceda e Xavier Martíns, da Agrupaçao Micológica portuguesa de A Pantorra.