A USC e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral unirán esforzos en materia de prevención de riscos laborais

O reitor da USC, Juan Casares, e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, asinaron este mércores 30 un acordo marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas de formación e divulgación en materia de prevención de riscos laborais. O acto protocolario de sinatura celebrouse no Salón de Reitoral do Colexio de San Xerome. Deste xeito establécese un marco de actuación para a colaboración entre a USC e o ISSGA en actividades comprendidas no eido da seguridade e saúde laborais, mellora das condición de traballo e prevención de riscos laborais. Ambas institucións desenvolverán de xeito conxunto actividades, formativas, investigadoras, de asesoramento e de divulgación, entre outras. A iniciativa toma como punto de partida as liñas de traballo que o Instituto e investigadores de diversas disciplinas desenvolven dende hai anos. Este novo marco de colaboración “vai recoller e ampliar o que se estaba facendo ata agora” posibilitando que a cooperación se desenvolva dun xeito “ máis directo e máis áxil”, coincidiron en salientar Juan Casares e Adela Quinzá. Concretamente e a través da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, a USC participará no desenvolvemento destas liñas de colaboración e informará periodicamente ao ISSGA das actividades realizadas, ao tempo que ofrecerá asesoramento sobre as cuestións que de xeito conxunto se decidan acometer. Pola súa banda, o ISSGA colaborará en actividades académicas ou científicas en materia de prevención de riscos e ofrecerá asesoramento e apoio a programas formativos, estando aberto a participar en actividades, proxectos programas de investigación e desenvolvemento. Segundo o documento asinado, o Instituto colaborará na edición conxunta de publicacións e documentos de traballo e participará en actividades de promoción da cultura da prevención e de difusión de boas prácticas, especialmente aquelas que utilicen as novas tecnoloxías de comunicación e información. Cada un dos programas de actuación que se decida acometer será obxecto de convenios de colaboración específicos nos que se fará constar o obxectivo perseguido, a descrición do plan de traballo (facendo referencia ás distintas fases e cronoloxía do proxecto), presuposto total e medios materiais e humanos requiridos, normas para a coordinación e relación de persoas que se responsabilizarán do convenio. O acordo marco asinado estenderá a súa vixencia dende a data de sinatura ata o 31 de decembro de 2014, sen posibilidades de prórroga.