Ir o contido principal

A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades avanzan no emprendemento universitario das mulleres

A reunión tivo lugar no despacho do reitor. Foto: Sevimav
A reunión tivo lugar no despacho do reitor. Foto: Sevimav
Nunha reunión mantida hoxe en San Xerome avanzaron os detalles do próximo convenio do Programa Innovatia 8.3

A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades desenvolveron conxuntamente o Programa Innovatia 8.3 co obxectivo de fomentar o espírito empresarial das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, ademais de crear un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica (Spin-off).

Entre as actividades desenvolvidas destaca a elaboración dun manual de procedementos dirixido ao persoal de apoio ao emprendemento nas Oficinas de Transferencia de resultados de Investigación de universidades e centros de investigación, no que se incorpora a perspectiva de xénero en todos os procesos. Esta actividade compleméntase con formación específica en materia de igualdade, xerándose así unha metodoloxía de traballo para a integración da perspectiva de xénero nos procedementos de apoio na creación de empresas de base tecnolóxica.

INNOVATIA 8.3 constitúese así como unha ferramenta para as universidades españolas que fomentará a creación de empresas de base tecnolóxica lideradas por mulleres, dando valor ao coñecemento universitario e visibilizando as mulleres das universidades.

Para avanzar nesta colaboración e ultimar os detalles do convenio que en breve asinarán as dúas institucións para implantar este programa na totalidade das universidades de España, o reitor Juan Viaño recibiu este mércores no seu despacho a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Lucía Cerón Hernández.

Na visita participaron tamén a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; a subdirectora xeral para o Emprendemento e a Promoción Profesional das Mulleres do Instituto da Muller, Begoña Suárez; o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos; e as técnicas de Transferencia de Coñecemento da USC Iria Fontela e Eva López, esta última coordinadora do convenio Innovatia 8.3.

Esta tarde visitarán no Edificio Emprendia dúas empresas de base tecnolóxica incubadas na USC e promovidas en feminino, Situm e HGBeyond, que están alcanzando grandes éxitos en sectores punteiros como o farmacéutico e o das tecnoloxías da información e a comunicación.

Universidade pioneira A USC foi pioneira en España na súa aposta polo apoio ao emprendemento das mulleres, de xeito que conta desde hai case 20 anos con programas de fomento de empresas de base tecnolóxica.

Sumado a isto, en 2006 a USC creou o programa WomanEmprende para incentivar proactivamente a creación desas empresas por mulleres, dando así resposta á súa realidade social (é a universidade pública española con máis mulleres nas súas aulas).

De dereita a esquerda, Begoña Suárez, Manel Cotos, Lucía Cerón, Juan Vaiño, Susana López, Eva López e Iria Fontela. Foto: Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2018.