A USC e o Instituto da Muller reflexionan sobre emprendemento feminino de base tecnolóxica no congreso Innovatia 8.3

A USC e o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades organizan o Congreso Innovatia 8.3 que se celebra este martes 26 en Madrid co lema ‘ Emprendemento feminino de base tecnolóxica’. Na xornada trátanse temas relacionados co emprendemento no ámbito científico e tecnolóxico dende a perspectiva do xénero, para o que se contou coa participación de reitoras de universidades públicas españolas debatendo sobre a aposta pola igualdade dende as institucións universitarias e os seus procesos de transferencia de coñecemento á sociedade.
A USC e o Instituto da Muller levan anos traballando conxuntamente para que se identifiquen, analicen e apliquen perspectivas de xénero nas diferentes áreas de transferencia do coñecemento universitarias. Innovatia 8.3 traballa para que os procesos de axuda á creación de empresas de base tecnolóxica que se realizan nas universidades rompan cos sesgos existentes do emprendemento e axuden a visibilizar as mulleres que se teñan posto ao fronte de iniciativas empresariais, xerando valor social e empresarial e sendo axentes activos na sociedade do coñecemento.
O programa a desenvolver en Madrid inclúe a conferencia inaugural que pronunciou Elena Canetti, de Inveniam Group, para dar conta da súa experiencia en transferencia tecnolóxica entre España e Israel. Ademais están previstas dúas mesas redondas sobre instrumentos para a incorporación da perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e unha segunda co título ‘Reitoras e reitores, as mulleres nas universidades, as carreiras científicas e os plans de igualdade’. Tamén se desenvolven outras tres intervencións para presentar a Rede Innovatia 8.3 e o catálogo de spin-off universitarias en España, as redes de mulleres ou fontes de financiamento entre outras cuestións.