A USC lanza unha nova páxina web que actualiza o seu xeito de relacionarse coa comunidade universitaria e coa contorna social

O reitor Antonio López presentou este martes no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) a nova páxina web da Universidade. A renovación da imaxe institucional iniciada polo actual equipo de goberno contempla, sinalou López, varios proxectos entre os que destaca anovar a web e o próximo lanzamento dunha aplicación móbil como pedras alicerce. “Non se trata dun simple cambio estético senón que recolle a necesidade de adaptar a estratexia comunicativa dixital e os seus contidos aos tempos, ás persoas e ás tecnoloxías actuais”, destacou. O reitor estivo acompañado no acto pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa.
A velocidade dos cambios no ámbito das tecnoloxías da comunicación, continuou López, ten sido abraiante nos últimos vinte anos. “Sabemos que é un fluxo de innovación permanente que non se deterá e que non fixo máis, polo momento, ca espertar. Neste contexto debemos ter un punto de vista claro cando pensamos a onde queremos que estas ferramentas nos leven”. “E si, tal e como concibimos a Universidade, non é a outro lugar nin obxectivo máis cás persoas e á comunicación máis eficaz con elas”, engadiu.
A nova web, un proceso complexo dividido en dúas fases e tres proxectos
Esta renovación da web é un proceso que comezou fai agora un ano e que se divide en dúas etapas ou fases e en tres proxectos. Na primeira das fases o foco púxose na renovación da ‘web externa’, que se pon en funcionamento neste momento, na que os traballos se centraron na imaxe que reciben os usuarios nun primeiro nivel, no máis externo, e que xira ao redor da idea de contar cunha ferramenta de comunicación actual propia para a USC coma se dun medio de comunicación se tratase co obxectivo de potenciar a imaxe cara ao público xeral.
Na segunda das fases, xa comezada, trátase a renovación da ‘web da comunidade’. A seguinte etapa do proceso anovador, onde se fará chegar a nova imaxe e dinámicas ás páxinas dos centros, facultades, servizos e todas aquelas que forman parte do corazón da USC, a onde acceden os usuarios que, maioritariamente, xa forman parte da comunidade universitaria. Nesta segunda fase tamén se traballa na creación dunha intranet. Da man da renovación estética, funcional e operativa, tamén se creará unha intranet que contribúa, entre outros obxectivos, a mellorar a comunicación interna e xestión documental e de procedementos.
Un proceso onde todas e todos participan
“A nova web é a web de toda a USC”, sinalou Antonio López. E é así porque os traballos de análise, recollida de información, interpretación e reestruturación foron e son feitos da man con todos os colectivos que compoñen a comunidade universitaria presente e tamén a futura. Deste xeito, durante meses, leváronse a cabo grupos de discusión con representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, estudantado propio, estudantado de ensinanzas medias, pais e nais así coma orientadores de institutos, ou empresas, cun único obxectivo: todas e todos deben recoñecerse no novo portal web. Na segunda fase, que contempla a renovación da web da comunidade e a creación da intranet, a dinámica de traballo que se está a deseñar contará, de novo, con todos os factores implicados.
A renovación tecnolóxica
O esforzo de adaptación da web no que respecta á estratexia comunicativa, contidos e imaxe tamén ten a súa correspondencia nos medios técnicos e na organización do servizo. Trátase dunha nova implementación que da prioridade á consulta de información desde dispositivos móbiles, en consonancia coas demandas de usabilidade contrastadas nas discusións cos grupos de usuarios e usuarias. A nova web está construída sobre unha base tecnolóxica completamente renovada, tanto no que respecta ao software que lle dá vida como á infraestrutura tecnolóxica que a sustenta.
O uso dun novo xestor de contidos baseado nun proxecto de software libre de ampla difusión entre o persoal técnico e empresas da contorna permitirá abrir nova vías de colaboración e innovación e facilitar a cobertura de necesidades que na versión anterior da web era difíciles de satisfacer. Asemade, a nova infraestrutura de servizo aproveita as vantaxes da nube e favorecerá a dispoñibilidade do sitio, con independencia do funcionamento das redes da USC.
Este esforzo de innovación e introdución de ferramentas contemporáneas continuará nas seguintes fases, coa extensión do novo modelo de web institucional aos centros, departamentos, servizos e sitios singulares. A introdución dun novo sistema, a intranet, permitirá crear un novo ámbito de difusión da información que aproveite as vantaxes da nube empregando ferramentas familiares na xestión de contidos e totalmente integradas co uso de dispositivos móbiles.
A mellora como constante
O cambio proxectado polo equipo de goberno na web “non atende a metas ou puntos de chegada senón ao movemento constante, sinalou López. O cambio debe manterse e seguir vivo como forma de non recaer e deixar que unha ferramenta de proxección de imaxe institucional e de comunicación tan sensible como é a páxina web quede obsoleta. A velocidade dos cambios nas tecnoloxías da comunicación e no uso que delas fan as novas xeracións obríganos a estar sempre alerta para mellorar de xeito permanente”.