Ir o contido principal

A USC leva seis títulos á maior feira iberoamericana do libro

A Universidade de Santiago está estes días presente na Feira Internacional do Libro de Guadalajara baixo o paraugas da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) que entre os 485 títulos que mostra inclúe seis da USC. Trátase de El texto medieval: de la edición a la interpretación; Introducción a la teoría de juegos; Tiempo y conciencia en Edmund Husserl; Atención clínica en intoxicaciones animales e El canon de la literatura europea. No pavillón da UNE xunto coa da USC participan, no maior escaparate iberoamericano do libro, corenta e sete editoriais de universidades e centros de investigación españois, dúas máis que o ano pasado, que mostran nesta cita preto de 500 títulos das máis diversas áreas de coñecemento e temáticas como política, historia, filosofía, dereito, poesía, cine, arte, música, comunicación, medio ambiente, astroloxía, turismo e educación, entre outras. Na edición do pasado ano dos 1.666 exemplares de catrocentos títulos expostos vendéronse 1.226, é dicir, un 73,58 por cento, e foron adquiridos tanto por institucións (40 compraron 939 exemplares) como por particulares.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2013.