A USC lidera a formación de doutores de Oriente Medio en Europa a través do programa Erasmus Mundus Peace 2

A USC lidera a formación a formación de doutores de Oriente Medio en Europa a través do programa Eramus Mundus Peace 2, logo de que o médico sirio especializado en Pediatría Ayham Alshweki, que realizou a súa formación e investigación de doutoramento no marco do programa, presentara a súa tese de doutoramento na Facultade de Medicina da USC e se convertera así no primeiro investigador de Oriente Medio que completa a súa formación como doutor en Europa ao abeiro desta iniciativa.
O Erasmus Mundus Peace 2 é unha unha iniciativa da Unión Europea de cooperación e mobilidade no ámbito do ensino superior que está coordinada en España pola USC, que é a única universidade implicada. No marco deste programa internacional, que tamén contempla entre os seus obxectivos a promoción do diálogo e o entendemento entre persoas e culturas a través da mobilidade e a cooperación académica e que inclúe medidas orientadas a potenciar o atractivo de Europa como destino educativo e centro de excelencia a nivel mundial, xurdiu Erasmus Mundus Action 2 Lot Peace 2. Este consorcio internacional, que coordina en España a USC a través da súa Vicerreitoría de Internacionalización, conta entre os seus participantes con 20 universidades europeas e de Oriente Medio. Así, están representadas neste programa dez universidades de Alemaña, Bélxica, Chequia, Eslovaquia, España, Francia, Portugal, Reino Unido e Suecia, así como outras dez institucións académicas de Xordania, Palestina, Líbano e Siria. Alimentación neonatos prematuros Os neonatos prematuros alimentados durante a lactancia con leite enriquecido con ácido araquidónico (Omega 6) presentan un mellor desenvolvemento psicomotor que os doutros grupos, segundo conclúe a tese de doutoramento que vén de defender na Facultade de Medicina da USC o pediatra sirio Ayham Alshweki baixo o título ‘Studying of lipid profile in very prerterm infants and the effects of different omega-6/omega-3 ratio supplementation’. Esta investigación de doutoramento, desenvolvida nas unidades de investigación do Servizo de Neonatoloxía do Hospital Clínico Universitario e do Departamento de Pediatría da USC baixo a dirección dos profesores Mª Luz Couce Pico, Alejandro Pérez Muñuzuri, María Rosaura Leis Trabazo e José María Fraga, estuda a influencia da alimentación durante os primeiros meses de vida nos neonatos/as nacidos/as moi precozmente, en especial no que atinxe ao seu desenvolvemento mental, así como a importancia da composición dos lípidos dos leites de fórmula e a súa incidencia no desenvolvemento global destes nenos. Ayham Alshweki indica na súa tese de doutoramento que a composición das fórmulas para neonatos/as moi prematuros/as deben ser avaliadas e enriquecidas na composición de ácidos graxos poliinsaturaos. Recomenda asemade prestar especial atención á relación que presenta a composición dos leites de fórmula entre os ácidos omega 6 e omega 3 e, sobre todo, á composición cuantitativa en ácido araquidónico. Estas achegas científicas son o resultado do traballo realizado en tres grupos de neonatos/as moi prematuros, con menos de 1.500 gramos de peso ao nacemento e menos de 32 semanas de xestación, que recibiron leite materno e dúas fórmulas de alimenticias con diferentes concentracións de ácidos graxos poliinsaturados (omega 6 / omega 3) durante a lactancia. Este ensaio clínico completouse coa posterior avaliación, durante un período de dous anos, do crecemento, así como do desenvolvemento visual e mental dos neonatos/as que participaron na investigación. As pescudas realizadas por Ayham Alshweki no marco da súa tese de doutoramento e pera as que tamén contou coa colaboración do Grupo de Estudos Metabólicos do Instituto de Investigación BioCruces de Bilbao, o Servizo de Neonatoloxía do Hospital La Paz de Madrid e o CIBER de Enfermidades Raras (Ciberer) do Instituto Carlos III, baséase no feito de que os neonatos/as necesitan adquirir ácidos graxos poliinsaturos, en especial omega 6 e omega 3 para o seu desenvolvemento, especialmente no que atinxe ao cerebro. Os datos obtidos na experimentación animal suxiren que a nutrición precedente e posterior ao nacemento presenta importantes efectos na composición lipídica do cerebro e sobre a aprendizaxe. As carencias específicas de ácidos graxos inflúen na integridade neurolóxica e afectan selectivamente á aprendizaxe e á capacidade visual. De feito, estudos realizados con primates non humanos confirman que a carencia dalgún destes ácidos graxos diminúe o desenvolvemento da función da retina e da agudeza visual. Tribunal de tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Ayham Alshweki na Facultade de Medicina da USC estivo constituído polos profesores das universidades de Granada, Oviedo e da USC Manuel Castro Gago, Eduardo Narbona López, José Uberos Fernández, Belén Fernández Colomer y Adela Urisarri Ruíz de Cortázar, quen actuou como secretaria. O tribunal acordou conceder a cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Ayham Alshweki, na que se compilan distintas investigacións que deron pé á publicación de varios artigos científicos en revistas de impacto.