A USC lidera un proxecto pioneiro para loitar contra a exclusión social da xuventude

Baixo a dirección do catedrático de Pedagoxía Social da USC José Antonio Caride, cinco universidades e seis organizacións sociais especializadas na atención á adolescencia e a xuventude que forman a Red Jóvenes e Inclusión presentaron este xoves en Santiago o seu novo proxecto, destinado a dar respostas para a integración socio laboral da adolescencia e a xuventude en dificultade. Diante das taxas de paro xuvenil do 55% en España e máis do 40% en Galicia e do aumento da pobreza, as persoas promotoras da rede consideraron necesario traballar en medidas concretas para a incorporación social plena da xuventude, e en especial da que se atopa en risco de exclusión. Con tal propósito lanzan o proxecto ‘Mellora dos procesos de intervención para a emancipación de xuventude en dificultade’ que foi un dos 30 seleccionados de entre 250 para formar parte do Programa de Cidadanía Activa financiada polos fondos europeos EEA Grants -que achegan Noruega, Islandia e Liechtenstein- e operada pola Plataforma estatal de ONG de Acción Social. A investigación permitirá crear un sistema de melloras no traballo para a autonomía e a emancipación da xuventude en dificultade que se porá a disposición de todas aquelas comunidades autónomas que aínda non dispoñen de programas públicos específicos de intervención. A rede Red Jóvenes e Inclusión investiga para mellorar as condicións de vida da xuventude en dificultade social. Ademais da USC, participan nela as Universidades da Coruña, Illes Balears, Girona e Nacional a Distancia xunto coas ONGs Opción e Fundación ISOS (Madrid), Fundació Natzaret (Baleares), Servei Solidari (Cataluña) e as galegas Fundación Trébol e IGAXES3.