Ir o contido principal

A USC mantén aberta ata o 21 a inscrición no campionato de España de modelado 3D de precisión para teléfonos móbiles

A ‘D3MOBILE Metrology League’ reparte máis de 10.000 euros entre os gañadores desta competición que se desenvolverá en liña

A Universidade de Santiago de Compostela mantén aberto ata o 21 de xaneiro o prazo de inscrición no primeiro campionato de España de modelado 3D para teléfonos móbiles ‘D3MOBILE Metrology League’. Este torneo, organizado polo grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, diríxese a alumnos de 4º da ESO e Bacharelato de toda España e repartirá máis de 10.000 euros en premios entre os participantes. A ‘D3MOBILE Metrology League’ constitúe un campionato novidoso a nivel mundial, xa que é a primeira vez que se organiza un proxecto desta natureza, mediante o que se pretende potenciar as vocacións científicas a través dun elemento de uso tan cotián como é o teléfono móbil. Os interesados en tomar parte nesta competición poden formalizar xa a súa inscrición a través do web www.d3mobile.es.

Os participantes deberán organizarse en grupos de 2-4 compañeiros e buscar o apoio dun profesor. Os alumnos aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, o seu propio ordenador e un software fotogramétrico libre. “A habilidade no manexo das novas tecnoloxías por parte dos máis novos garante que en dúas tardes ou incluso en menos tempo se adquiran as destrezas necesarias para participar no campionato”, explica o profesor da USC e director do proxecto, Juan Ortiz.

A competición, que se desenvolverá completamente on line, consistirá en coñecer que equipo é capaz de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual, con premios para os mellores traballos. “O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia na toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica a través dun instrumento tan prezado e familiar para eles como é o seu teléfono móbil”, indica Juan Ortiz.

Haberá premios para todas as categorías contempladas no campionato, por un valor total superior aos 10.000 euros. O período de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de xaneiro, data na que se fará pública a primeira das probas que haberá que resolver. Ata o mes de maio irán colocándose na web novas probas, e o 3 de xuño publicaranse os resultados. Toda a información relativa ao campionato irá incorporándose á web http://www.d3mobile.es, que xa se encontra operativa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.01.2013.