A USC mantén aberto na súa páxina web un cuestionario para a identificación de expectativas xeradas a carón do Campus Terra
A Universidade de Santiago de Compostela mantén aberto na súa páxina web un cuestionario de identificación de expectativas a carón do Campus Terra, cuxos resultados e conclusións serán tidos en conta para a elaboración do Plan Estratéxico Campus Terra, un concepto co que se busca dotar a sede universitaria luguesa de identidade científica propia e máis visibilidade.
A USC entende que a participación é un dos piares básicos do proceso de elaboración deste plan estratéxico, unha aposta de futuro encamiñada a construír arredor do campus lugués e desde unha perspectiva interdisciplinar un ecosistema de coñecemento ligado á terra. Por estas razóns e co obxectivo de acadar a máxima implicación da comunidade universitaria e tamén dos grupos de interese da contorna social e económica, a USC anima a todas as persoas, sexan ou non da comunidade universitaria, a ser protagonistas elaboración do plan estratéxico do Campus Terra no enderezo web http://www.usc.es/gl/proxectos/campusterra/index.html. Visita delegación holandesa de Wageningen Unha delegación da universidade holandesa de Wageningen visitará o vindeiro mércores, día 4 de decembro, o campus de Lugo, para explicar aos directores e decanos dos distintos centros universitarios, así como ás persoas que integran os distintos grupos de traballo (investigación, docencia e xestión e servizos), cuxas achegas serán tidas en conta á hora de elaborar o plano estratéxico do Campus Terra. A delegación holandesa presentará en Lugo a experiencia desenvolvida pola Universidade de Wageningen, así como os positivos resultados que deparou o proceso de especialización desta universidade holandesa. A identificación das actuacións con máis impacto para atraer alumnado, as claves do incremento de financiamento por investigación e a estratexia seguida para a internacionalización do campus serán algúns dos temas a tratar polos representantes da institución holandesa.