Ir o contido principal

A USC mantense entre as 500 mellores universidades do mundo segundo o ránking de Shangai

A USC mantense entre as 500 mellores universidades do mundo segundo o ránking de Shangai
A USC mantense entre as 500 mellores universidades do mundo segundo o ránking de Shangai
En Matemáticas sitúase entre as 100 máis destacadas en no ámbito das Ciencias Naturais entre as 200 mellores

A de Santiago mantense un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo segundo a avaliación anual do Academic Ranking of World Universities (ARWU), clasificación que dende 2003 realiza a Universidade Jiao Tong de Shanghai. Por grandes áreas de coñecemento, a USC continúa figurando entre as 200 universidades de todo o mundo máis influíntes na área de Ciencias Naturais e Matemáticas, concretamente no intervalo 150-200, e entre as 100 mellores institucións universitarias no eido das Mátemáticas. De entre as mellores do mundo, este ránking sitúa un total de trece universidades españolas. A de Santiago figura no intervalo 401-500 xunto á Politécnica de Cataluña, Sevilla, País Vasco e Zaragoza. Tamén destacan a de Barcelona, Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, Complutense de Madrid, Pompeu Fabra, Politécnica de Valencia, Granada e Valencia. Das 200 universidades máis destacadas na área de Ciencias Naturais e Matemáticas, Santiago é das catro mellor posicionadas, a continuación da Autónoma de Madrid e Valencia e no mesmo rango que Barcelona. Para realizar esta clasificación, os indicadores cun maior peso na nota final (75% da cualificación) son os investigadores altamente citados nunha serie de ámbitos temáticos, os artigos indexados en Science Citation Index ou a porcentaxe dos artigos publicados nas revistas de maior impacto. No campo específico das Matemáticas a de Santiago sitúase entre as cen universidades máis destacadas do mundo segundo ARWU. Das españolas, consegue unha mellor posición a Autónoma de Madrid (51-75), seguida da USC e Politécnica de Valencia que se sitúan no intervalo 76-100. Metodoloxía Para a elaboración do ránking ARWU, os responsables do estudo identificaron máis de 2.000 universidades, de entre as que avaliaron 1.200 para realizar a selección final das 500 primeiras do mundo. Calidade da docencia, do profesorado, produción investigadora e rendimento per cápita son os criterios que avalía ARWU. Á súa vez os indicadores a partir dos que se avalían estes criterios son o número de profesores dunha institución premiados polo Nobel ou as Medallas Fields e os investigadores con alto índice de citación (40% da nota final); artigos publicados en Sciencee Nature e os artigos indexados en Sciencia Citation Index – Expanded e Social Science Citation Index (40%); antigos alumnos da institución premiados nas convocatorias do Nobel ou Fields (10%) e o rendemento académico per cápita dunha institución (10%).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.08.2015.