Ir o contido principal

A USC mantense no chanzo 601-800 do ránking mundial de universidades elaborado por Times Higher Education

Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
A calidade da investigación é o aspecto da Universidade de Santiago de Compostela que obtén unha meirande cualificación
Lugo, Santiago de Compostela

O ránking internacional de universidades que cada ano elabora Times Higher Education (THE) volve situar a Universidade de Santiago de Compostela no chanzo 601-800 do mundo. A USC, que ocupa o oitavo posto a nivel estatal, destaca especialmente pola calidade da investigación realizada, pola súa proxección internacional e pola capacidade da institución para captar investimentos procedentes do tecido industrial e para obter patentes. 

A edición 2026 do ránking THE inclúe 2.191 institucións académicas de educación superior  procedentes de 115 países e rexións. A listaxe está elaborada en base a dezaoito indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (29,5% da valoración final), contorna investigadora (29%), calidade da investigación (30%), industria (4%) e proxección internacional (7,5%). 

A clasificación deste ano abrangue 174,9 millóns de citas correspondentes a 18,7 millóns de artigos de revistas, recensións de artigos, actas de congresos, libros e capítulos de libros publicados ao longo de cinco anos. Os datos inclúen máis de 28.700 revistas activas con revisión por pares indexadas na base de datos Scopus de Elsevier. 

Ademais, enviouse unha enquisa a unha mostra de persoal académico seleccionado por THE, na que se solicitou que nomeasen as universidades que percibían como as mellores para a docencia e/ou a investigación no seu campo e valorar deste xeito a reputación das institucións. A Enquisa de Reputación Académica levouse a cabo entre novembro de 2024 e xaneiro de 2025. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2025.