A USC, entre as mellores universidades do mundo segundo o QS World University Rankings

A Universidade de Santiago mantense no intervalo 551-600 do QS World University Rankings que acaba de facer pública a súa actualización correspondente ao curso 2016-2017. A de Santiago é unha das vinte e unha universidades españolas reflectidas nesta listaxe, de entre as que se atopa na décimo terceira posición na mesma posición que Valencia e Politécnica de Madrid.
Esta clasificación internacional destaca da institución compostelá como criterios máis destacados a súa reputación académica e entre os empregadores así como o índice de citacións por profesorado. Na avaliación final xustamente o de reputación académica é o de maior peso ao representar o 40% da nota final, estando elaborado en base a unha enquisa anual entre académicos. Tamén destaca o valor atribuído ao volume de citacións por profesorado, 20% da nota final, e que se obtén dos datos contidos en Scopus. O seguinte criteiro de maior importancia é o da ratio entre profesorado e estudantado (20%), ao que lle seguen o de reputación entre empregadores (10%), proporción de profesorado internacional (5%) e número de estudantes estranxeiros (5%).
Ademais da avaliación global, en ámbitos temáticos concretos o QS World University Rankings destaca da USC as áreas de Linguas modernas (na posición 201-250), Lingua e Literatura inglesa (251-300), Estudos medioambientais (251-300) e Matemáticas (301-400).
QS World University Ranking
Publicado anualmente, o ránking QS proporciona un índice dos que considera como os principais centros de educación superior de todo o mundo, a partir de seis indicadores de rendemento. Este ano ampliouse para ofrecer 916 universidades (25 más que o ano pasado) en 81 países, a partir dos datos dunha avaliación de máis de 3.800 institucións.
No ano 2013 converteuse no primeiro compilador de clasificacións internacionais auditado polo IREG Observatory on Academic Rankings and Excellence.