A USC mostra a súa oferta formativa en rede na Feira de Orientación Universitaria 'OrientaUniversia'
Co obxectivo de axudar aos futuros universitarios na elección dos seus estudos superiores, a USC participa na Feira de Orientación Universitaria ‘OrientaUniversia’ cun espazo virtual no que se facilita toda a súa oferta formativa. A través do seu stand en 3D, todas as persoas interesadas poden localizar os servizos que a Universidade de Santiago ofrece, ademais de poder contactar por medio do programa Sky coa institución e solicitar así máis información.
Deste xeito, Universia ofrece un espazo virtual que simula un campus universitario no que se inclúen varias ferramentas en liña para axudar aos distintos estudantes na súa elección, entre as que destacan potentes buscadores por titulacións ou universidades ou un test de orientación para aconsellar qué titulacións encaixan mellor con cada alumno.
En xeral, ‘OrientaUniversia’ recolle información sobre as titulacións ou notas de corte, datos das asociacións e actividades deportivas ou culturais, posibles aloxamentos noutras cidades, descargas de documentación, experiencias de antigos alumnos, vídeos das universidades ou enquisas, entre outras cuestións.
Ademais, a persoa interesada tamén atopará nesta páxina web consellos e preguntas frecuentes sobre bolsas, estudos no estranxeiro, selectividade ou sobre a vida universitaria.
Aberta durante todo o día, a iniciativa facilita toda a información dispoñible de xeito rápido e sinxelo sen necesidade de desprazarse fisicamente á feira. Así mesmo, de acordo co convenio de colaboración asinado entre Universia e EducaRed o pasado 24 de maio, este portal educativo promovido pola Fundación Telefónica xa comezou coa difusión da Feira Orienta na súa rede de colexios.
UniversiaUniversia, a maior rede de universidades do mundo, traballa para ofrecer un espazo común de intercambio de coñecemento e cooperación a través da formación, a cultura, a investigación e a colaboración coa empresa, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento sostible da sociedade.
No marco desta misión, Universia desenvolveu un portal educativo que ofrece contidos e servizos específicos para a comunidade universitaria, con máis de 4,4 millóns de usuarios ao mes. Na actualidade, forman parte de Universia 985 institucións educativas, presentes en 11 países.