A USC e o Muralla Rugby Club Lugo unen esforzos para impulsar a práctica deste deporte entre o alumnado universitario

A USC e o Muralla Rugby Club Lugo traballarán en colaboración a prol de impulsar a práctica desta disciplina deportiva entre o alumnado universitario da sede luguesa, tal e como se recolle no convenio asinado este mércores polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente do club deportivo, Iago Cobas, nun acto celebrado na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo no que tamén participaron a vicerreitora Montserrat Valcárcel Armesto, e o secretario do Muralla Rugby Club Lugo, Avelino Roca.
O acto de sinatura deste acordo de colaboración e cuxa vixencia é por un período dun ano, serviu para que o presidente do Muralla Rugby Club Lugo, Iago Cobas, lembrara a fonda vinculación que ten en Lugo o rugby e a comunidade universitaria, xa que os primeiros equipos luguese desta disciplina, Euita e Xabarín, teñen as súas orixes na vella Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Agrícola e na Escola Universitaria de Maxisterio, convertida hoxe en facultade de Formación do Profesado.
O reitor Antonio López salientou que a colaboración plasmada a través deste convenio co Muralla Rugby Club Lugo encádrase no marco do labor de extensión e promoción dos valores da cultura e do deporte, un cometido que complementa as función clásicas das universidades, tales como o son a docencia e o I+D.
López mostrou asemade a vontade da USC de establecer novas ligazóns de colaboración con outras entidades, tanto do ámbito do deporte como da cultura, a fin de favorecer o desenvolvemento de actividades que contribúan ao benestar social.