Ir o contido principal

A USC necesita máis de 5.000 hectáreas de bosque para paliar as emisións de CO2

A exposición 'A pegada ecolóxica', inaugurada en Maxisterio, recolle os principais datos do impacto ambiental dos dous campus

A USC necesita 5.217 hectáreas ao ano de bosque galego para poder asimilar as emisión de CO2 da súa actividade académica. Así se desprende do informe elaborado polo Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo sobre o impacto ambiental da propia universidade.
Os resultados do informe foron presentados este mércores 21 en rolda de prensa na Escola de Formación do Profesorado por parte do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a responsable do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco; o profesor do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC Ramón López e Miguel Pardellas, representando á Sociedade Galega de Educación Ambiental.
Unha exposición que leva por título ‘A pegada ecolóxica’ recolle os resultados deste estudo. Esta mostra consta de 14 paneis a través dos que o visitante pode ir familiarizándose co concepto de pegada ecolóxica e reflexionar sobre o impacto ambiental que teñen as súas actividades cotiás, comparando o consumo deste sector coa limitada produtividade ecolóxica da Terra.
Ao longo da exposición os visitantes poderán, ademais de coñecer o concepto de pegada, calcular rapidamente unha aproximación á súa pegada, decatarse da débeda ecolóxica existente no planeta e valorar a pegada a nivel mundial e galego, entre outras.
A exposición viaxará por centros do Campus de Santiago e de Lugo ata finais de febreiro do 2009. Na Escola Universitaria de Formación do Profesorado permanecerá ata o 3 de novembro, día que se trasladará á Facultade de Ciencias. Está previsto que en Santiago visite, entre outros, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
Acompañando á exposición da pegada organizaranse unha serie de actividades paralelas que comezaron este día 21 ás 11:00, cun relatorio sobre pegada ecolóxica na Escola Universitaria de Formación do Profesorado. Así mesmo, tamén está previsto a realización ao longo do primeiro cuadrimestre dunha serie de talleres formativos que están destinados aos bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria.
O cálculo da pegada ecolóxica da USC foi desenvolvido polo persoal da Oficina de Desenvolvemento Sostible, e ten coma precedente un estudo realizado en colaboración co profesor Ramón López Rodríguez (do departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC), na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, no campus de Santiago, e na Escola Universitaria de Formación do Profesorado, no campus de Lugo.
Para a estimación da pegada ecolóxica tivéronse en conta os impactos asociados ao consumo de enerxía eléctrica, consumo de combustibles fósiles para abastecer as caldeiras de auga quente e calefacción, consumo de gas natural para a alimentación dos motores de coxeración e de caldeiras, consumo de auga, consumo de papel, mobilidade, construción do edificio e a xeración de residuos.
Os datosOs resultados amosan que a USC necesita 5.217 ha/ano de bosque galego para poder asimilar as emisións de CO2 asociadas á súa actividade académica, o que corresponde a máis de 55 veces a extensión ocupada polos campus de Santiago e Lugo e ao 0,18% da superficie total de Galicia. Tendo en conta os membros da comunidade universitaria a pegada ecolóxica da USC é de 0,16 ha/persoa/ano.
As principais conclusións amosan que o 63% do impacto é debido ás emisións asociadas ao gasto enerxético, tanto en electricidade (30%) coma en enerxía térmica (33%). Ademais, tamén é importante o impacto asociado aos desprazamentos dos membros da comunidade universitaria aos centros.
Para coñecer o impacto ambiental asociado á mobilidade, realizouse un estudo que recolle as preferencias dos membros da comunidade universitaria á hora de desprazarse á universidade. O 39,4% dos membros da USC empregan o automóbil fronte ao 57,1% de persoas que camiñan e o 15,1% que prefiren o autobús. A bicicleta aínda segue a ser un medio de desprazamento pouco empregado, tan só o 1,7% dos membros da comunidade universitaria o usan. Aínda que os datos son similares para os tres colectivos (estudantes, PAS e PDI) compre salientar que os estudantes teñen maior hábito de camiñar que o resto dos colectivos. Os traxectos feitos en medios motorizados (bus, coche, moto) son de 11,7 km como media fronte a 2,1 km de media para os traxectos a pé ou en bicicleta.
Outros datos que se extraen do estudo de impacto ambiental da USC durante 2007 indican que os membros da comunidade universitaria fixeron durante 2007 un gasto eléctrico de 3,55 kWh/persoa/día e de 69 litros de auga por persoa e día nos centros da USC (considerando por igual a profesores, PAS e alumnos). En canto ao total do consumo de papel só corresponde a papel reciclado un 36,09% para os estudantes, porcentaxe que diminúe ata o 22,96% no caso do papel empregado polo PDI e PAS.
En canto aos residuos urbanos, a taxa de xeración é de 28,54 kg/persoa/ano correspondente principalmente á fracción resto (73%) e a papel (21%). Vidro (5%) e envases (2%) aínda non se xeran en grandes cantidades en ámbitos universitarios. Por outra banda, cómpre indicar que a xeración de residuos perigosos (producidos nos departamentos e laboratorios de investigación e docencia) é de 1,42 kg/persoa/ano, o que supón un 13% menos que os valores de hai dous anos.
A identificación dos principais impactos ambientais, posibilitará a adopción de medidas correctoras que sirvan para acadar que as actividades universitarias se poidan desenvolver en equilibrio harmónico co entorno e reducindo as emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2008.