A USC obtén máis da metade das axudas para a formación de doutores/as no programa Doutoramentos industriais

A USC acaba de resultar beneficiaria de máis da metade das axudas para a formación de doutores e doutoras, outorgadas pola Xunta, no marco do programa Doutoramentos industriais, concedidas ás universidades galegas. En concreto, a USC recibirá nove axudas cunha dotación total de 270.000 euros, ata 2025, do total de 450.000 euros destinados para o conxunto do SUG. Pola súa parte, a UDC recibirá 5 axudas (150.000 euros), mentres que á UVigo concedéuselle unha axuda (30.000 euros).
Ademais, a convocatoria beneficiou a tres empresas de base tecnolóxica da USC. Trátase de BIOSTATECH, NANOMAG, e I-Grape Laboratory, S.L.. Tamén recibirá axuda a Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua), na que tamén participa a institución compostelá.
O obxecto desta convocatoria é o de promover a execución de proxectos de investigación industriais definidos entre universidades, empresas e centros de innovación e tecnoloxía como base para a realización dunha tese doutoral, asumindo, polo tanto, a contratación de estudantes de doutoramento que realizarán neste marco a súa correspondente formación como investigadores.