A USC ocupa a segunda praza do ránking de universidades con máis solicitudes de patentes internacionais

A Universidade de Santiago de Compostela ocupa a segunda praza do ranking de universidades con máis solicitudes de patentes internacionais, segundo consta no informe ‘ As universidades españolas. Unha perspectiva autonómica, 2013’, elaborado pola Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades.
O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español por comunidades autónomas, sitúa a Galicia como unha das comunidades autónomas máis dinámicas en canto á solicitude de patentes internacionais respecto ao seu cadro de persoal docente e investigador en equivalencia a tempo completo. De feito no ranking elaborado ao abeiro do último informe elaborado pola Fundación CYD referido a 2013, Galicia ocupa a segunda posición no que atinxe a solicitude de patentes internacionais solo por detrás de Andalucía e seguida doutras comunidades autónomas como Aragón, Comunidade Valenciana, Cataluña e Madrid. A contribución da Universidade de Santiago de Compostela á situación de liderado da comunidade galega neste indicador non é menor, xa que a institución académica compostelá, segunda no ranking nacional neste capítulo, tramitou 81 das 84 solicitudes de patentes PCT presentadas na Oficina España de Patentes e Marcas (OPEM), dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MEC), polas universidades galegas no período de referencia, no que o citado informe da Fundación CYD ten contabilizadas un total de 1.229 peticións por parte do conxunto da universidade española. Outros datos de interese que achega o informe da Fundación CYD ‘As universidades españolas. Unha perspectiva autonómica, 2013’, son os que desvelan que Galicia ocupa a parte media do ranking estatal en canto a taxa de paro dos seus graduados superiores, cunha porcentaxe do 16,4%, por detrás de Baleares e seguida de Asturias. A Fundación CYD tamén inclúe neste último informe, que vén de ser presentado esta semana, outros indicadores que corroboran o liderado da Universidade de Santiago de Compostela no que se refire a produción científica no marco do Sistema Universitario Galego. Cómpre salientar neste caso que a autoría de 12.176 das 23.826 publicacións científicas acuñadas polas universidades galegas entre 2003 e 2011 corresponde á Universidade de Santiago de Compostela. A institución académica compostelá tamén ocupa unha posición de liderado no capítulo referido ás solicitudes de patentes nacionais participadas por universidades no período 2000-2011. De feito, 222 das 242 peticións de patentes nacionais rexistradas polas universidades galegas neste tempo están participadas pola USC. O último estudo sobre a universidade española presentado pola Fundación CYD analiza tamén a contribución do sector académico ao desenvolvemento económico e social do país, segmentado os datos por comunidades autónomas e por universidades. Asemade, esta análise ofrece tamén información sobre a oferta e demanda universitaria, inclúe indicadores sobre ingresos e gastos das universidades públicas presenciais, achega información sobre a relación de graduados superiores e o mercado de traballo e tamén amosa a situación das diferentes universidades españolas nos rankings bibliométricos.