A USC oferta para 2010-2011 un total de 76 másteres oficiais

A Universidade de Santiago ofertará o vindeiro curso académico un total de 76 másteres universitarios, dos que 62 terán límite de prazas (http://www.usc.es/master). O proceso de matrícula para estes títulos estenderase ata o vindeiro mes de setembro. Os principais datos relativos á oferta de posgrao oficial da institución académica compostelá para o curso 2010-2011 presentounos este xoves 22 o reitor da USC Juan Casares nun encontro cos medios de comunicación no que estivo acompañado pola vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao, Eva Castro, e pola xefa de servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, Josefa Recalde. A oferta total da institución académica esténdese á totalidade de áreas de coñecemento con 16 títulos en Ciencias, 14 en Ciencias da Saúde, 19 do eido das Ciencias Xurídico-Sociais, 13 de Enxeñarías e Arquitectura e os 14 restantes da área de Artes e Humanidades. No seu conxunto, os títulos oficiais con límite ofrecerán un total de 1.662 prazas, das que 267 corresponden a posgraos de Ciencias, 311 de Ciencias da Saúde, 676 de Ciencias Xurídico-Sociais, 202 de Enxeñarías e Arquitectura e 206 de Artes e Humanidades. Máster en Profesorado O Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas ofrecerá 240 prazas e un total de sete posibles ámbitos temáticos. O estudantado poderá elixir entre as especialidades de Ciencias Experimentais, Matemáticas e Tecnoloxía e Informática; Ciencias Sociais e Humanidades; Formación Profesional (sector Servizos); Formación Profesional (sector Primario e Secundario); Linguas e Literatura; Artes Plásticas e Música; e Orientación Educativa. Este posgrao impartirase tanto no Campus de Compostela como no de Lugo. Proceso de matrícula O período de matrícula para os alumnos procedentes de titulacións expedidas en España xa comezou e estenderase ata o 10 de setembro no caso dos posgraos sen límite de prazas, mentres que nos títulos con límite establecerase un período de matrícula provisoria do 4 ao 10 de setembro. A adxudicación de prazas realizarase o 15 de setembro. No caso da matrícula en títulos con criterios específicos de selección establécese un período de admisión do 4 ao 10 de setembro, debendo formalizar a matrícula do 22 ao 24 de vindeiro mes de setembro. O alumnado con estudos expedidos no estranxeiro deberán formalizar a súa adminisión ata o 31 de agosto próximo, mentres que a matrícula formalizarase do 4 ao 10 de setembro, sendo este mesmo o período no que deberán matricularse o estudantado que continúe estudos. En calquer caso, a matrícula deberá formalizarse por internet no enderezo http://www.usc.es/matricula, podendo formalizar o pagamento de xeito fraccionado ou nun único pagamento. Prezos a axudas ao estudo Os prezos oscilan entre os 19,55 e os 28,77 euros por crédito segundo a rama de coñecemento do máster correspondente. Neste senso, a Universidade compostelá dispón de bolsas específicas (http://www.usc.es/bolsas) polas que o alumnado só aboará as taxas académicas (aproximadamente 35 euros). A USC, como sucede nas titulacións de grao, contempla unha serie de exencións de pagamento para integrantes de familia numerosa, persoas con discapacidade (cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33%), vítimas de actos terroristas e de violencia de xénero.
O calendario académico estenderase do 13 de setembro ao 30 de xullo, abarcando o primeiro cuadrimestre ata o 27 de xaneiro e o segundo do 31 de xaneiro ao 3 de xuño.
Tamén estiveron presentes a vicerreitora Eva Castro e a xefe de servizo Josefa Recalde