Ir o contido principal

A USC ofertará o vindeiro curso 1.071 prazas no seu Servizo Universitario de Residencias

En Compostela o SUR oferta prazas en tres colexios maiores e dúas residencias, ademais da Bal y Gay en Lugo
En Compostela o SUR oferta prazas en tres colexios maiores e dúas residencias, ademais da Bal y Gay en Lugo
Na xuntanza do Consello de Goberno celebrada este mércores tamén se aprobou a oferta de prazas para másteres (1.917 prazas) e doutoramento (825)

A convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento no Servizo Universitario de Residencias da USC para o próximo curso 2014-2015 contempla un total de 1071 prazas, a maioría (911) para estudantes de grao e de primeiro e segundo ciclo, de acordo coa convocatoria tratada este mércores polo Consello de Goberno. Do mesmo xeito, 60 prazas resérvanse para o colectivo de estudantes de másteres universitarios e outras tantas para os de programas de doutoramento a tempo completo e investigadores en formación. A estes súmanse as 27 prazas destinadas a membros da comunidade universitaria da USC con algún tipo de discapacidade, oito para persoal docente e investigador e de administración e servizos e outras cinco para estudantado de cursos de posgrao propios. Na mesma xuntanza tamén se tratou a convocatoria de prazas no SUR para membros da comunidade universitaria ou alumnado da Universidade de Verán 2014, durante o período comprendido entre o 6 de xuño e o 31 de agosto. Ademais, para o vindeiro curso ofertaranse un total de 100 prazas en réxime de habitación dobre compartida para estudantes que participen nos programas de mobilidade internacional e que foran admitidos ou admitidas na USC para cursar estudos durante o curso académico 2014-2015. Prazas en másteres e programas de doutoramento A USC ofertará o vindeiro curso 1.917 prazas nun total de 58 másteres e outras 825 nos 49 programas de doutoramento que se poderán cursar en 2014-2015 en Santiago e Lugo. Ademais, dos requisitos de admisión en ambas ofertas académicas, o Consello de Goberno aprobou o calendario e os criterios para a presentación de novas propostas de titulacións de grao, máster e de programas de doutoramento para o curso 2015-2016. Mellora da docencia A xuntanza serviu para tratar a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia correspondente a 2014. O seu fin é dotar aos centros dun financiamento complementario que contribúa á mellora da calidade docente e ao desenvolvemento dos títulos tendo en conta os obxectivos recollidos nas súas memorias. As accións ás que vai destinada a axuda deberán executarse e xustificarse antes do 15 de novembro de 2014. Conforme este convocatoria, poderase subvencionar calquera acción que teña por obxecto contribuír á mellora da calidade da oferta formativa do centro, especialmente aquelas de mellora propostas nos informes de seguimento dos títulos adscritos ao centro (grao e máster oficial) ou as xurdidas da posta en marcha do Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC). Tamén poderán financiarse materiais ou equipos necesarios para seguir avanzando na aplicación das novas tecnoloxías á actividade docente. Na reunión tamén se aprobou o novo baremo de méritos para a provisión de postos de traballo de persoal funcionario de administración e servizos da USC nos concursos de méritos, negociado entre a xerencia e a Xunta de Persoal do Persoal de Administración e Servizos (PAS) nos últimos meses. Os novos criterios substitúen o documento que estivo en vigor dende o ano 1995 ata a actualidade. Contratación de persoal investigador (desarrollar) Na orde do día desta xuntanza tamén se abordou a normativa para a contratación de persoal con cargo a actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i). A proposta xurde da necesidade de establecer un marco de referencia para o conxunto do cadro de persoal ao que non lle é de aplicación nin o convenio colectivo vixente para o PAS da USC nin o segundo convenio colectivo para o PDI das universidades galegas. A contratación neste eido está moi ligada á obtención de financiamento necesario para a súa execución e, especialmente, á captación de recursos externos. O documento identifica estes recursos, así como a tipoloxía do persoal que se encadraría nesta situación e as táboas retributivas que lle son de aplicación. Outros temas A concesión de novos tramos do complemento por mérito docente correspondentes a 2013, a proposta de nomeamento como ad honorem do profesor Max-Jean Zins, a modificación de varios postos da Relación de Postos de Traballo do PAS ou a aprobación das convocatorias de prazas da Escola Infantil Breogán e do Cheque Bebé son outros asuntos presentes na orde do día da xuntanza, na que tamén se aprobou a creación, participación e cualificación da empresa i-Grape Laboratory, S.L. como empresa de Base Tecnolóxica da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2014.