A USC ofertará o vindeiro curso un total de 4.754 prazas de novo ingreso para grao

A oferta de novo ingreso da USC para o curso 2023-2024 achegará un total de 4.754 prazas en grao, 1.796 en mestrado e 849 en doutoramento. No contexto da oferta global, o grao en Medicina ascenderá a 403 prazas, fronte ás 360 do ano académico 2022-2023, este incremento atópase en consonancia co aumento do 15% (calculado sobre as 350 prazas que figuran na memoria do título) que está a promover o Goberno estatal nas universidades que ofertan esta titulación.
A aprobación do Regulamento polo que se establecen as normas de convivencia da Universidade de Santiago de Compostela foi outra das cuestións abordadas polo órgano colexiado na xuntanza deste xoves 30. Froito do traballo da Secretaría Xeral, en estreita colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e a Oficina de Igualdade de Xénero, o regulamento desenvolve as bases establecidas pola Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria. O documento da USC que ten por obxecto favorecer o entendemento, a convivencia pacífica e o pleno respecto dos valores democráticos, os dereitos fundamentais e as liberdades públicas no ámbito universitario foi o resultado “dun proceso aberto ao conxunto da comunidade universitaria”, tal e como sinalou a secretaria xeral, Dulce María García Mella, ademais de desenvolverse de xeito coordinado coas outras dúas universidades públicas galegas no relativo ao réxime disciplinario do estudantado e á tipicidade das faltas e sancións.
Durante o proceso de elaboración do borrador, mantivéronse reunións co Consello do Estudantado para escoitar e tomar en consideración as necesidades do alumnado. Logo da apertura dun período de información pública a todos os sectores da comunidade universitaria, procedeuse a ultimar o texto aprobado este xoves, incorporando gran parte das suxestións recibidas, e á súa comunicación tanto ao Consello do Estudantado como aos órganos de representación do persoal. O regulamento achega a creación dunha comisión de convivencia, órgano colexiado que ten como finalidade principal velar pola convivencia pacífica na USC e garantir o correcto funcionamento do mecanismo de mediación como medio alternativo para a solución dos conflitos de convivencia que se produzan. O texto define este mecanismo da mediación como un procedemento de carácter voluntario no que, a través dun diálogo activo e respectuoso asistido por unha persoa mediadora, as partes que interveñen nun conflito de convivencia na USC tentan chegar a un acordo para a súa solución. Ademais, o documento establece que o Consello do Estudantado, no ámbito das súas competencias, poderá adoptar medidas que contribúan á mellora da convivencia e á defensa dos dereitos do colectivo ao que representan.
Benestar
O acordo sobre a adhesión da USC á alianza EUniWell foi outra das cuestións tratadas na xuntanza. A Universidade Europea do Benestar co apoio da Comisión Europea persegue comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar das persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto en base a valores democráticos, inclusivos e de diversidade.
EUniWell, unha das preto de medio cento de alianzas universitarias financiadas dende 2020 pola Comisión Europea ao abeiro do programa ERASMUS+, utiliza a fortaleza colectiva para dar forma ao futuro da educación superior en Europa situando o benestar no centro da súa actividade investigadora, docente e de intercambio internacional. Co seu enfoque no benestar, EUniWell responde ao convite do Consello da Unión Europea para que os estados membros adopten un enfoque horizontal, intersectorial e baseado no coñecemento para promover a 'Economía do Benestar'. En novembro de 2020, EUniWell entrou na súa fase piloto de tres anos durante os cales pretende desenvolver unha axenda común de investigación e docencia sobre o benestar, a nivel rexional, europeo e mundial.
A USC súmase tamén a Cuarto Mundo, unha asociación que se constitúe para afrontar a marxinación de colectivos de persoas e familia en materia de formación e emprego así como para facer fronte ao despoboamento.
PDI
En materia de Persoal Docente e Investigador, o Consello de Goberno aprobou a creación de medio cento de prazas de profesorado axudante doutor, así como a convocatoria dunha trintena de concursos para estabilizar esta figura docente a través de prazas de profesorado contratado doutor. A xuntanza tamén deu luz verde a unha vintena de prazas de profesorado asociado, así como preto de medio cento de prazas de asociado para Ciencias da Saúde. O órgano colexiado tamén aprobou a reposición de 13 prazas vacantes de profesorado con vinculación temporal.
Titulacións
Regular o deseño, funcionamento e a organización dos estudos propios da USC, isto é, Mestrados de Formación Permanente, Cursos de Especialización, Cursos de Experto/a, Cursos de Formación Continua e Cursos de Formación Específica, é a finalidade do Regulamento aprobado este xoves. Ademais, en materia de titulacións, o órgano colexiado aprobou tamén as modificacións nos mestrados universitarios en Avogacía e Estudos Ingleses de cara ao vindeiro curso, así como as memorias dos mestrados propios en Márketing Dixital e Xestión Comercial, así como en Medicina Oral, Cirurxía Oral, e Cirurxía Oral e Implantoloxía II. Na xuntanza tamén se tratou o acordo das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao, así como a táboa de ponderacións para o acceso a graos do SUG no vindeiro curso 23/24.
Outros temas
O Consello de Goberno aprobou as bases da convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias da USC; os premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020-2021; a elección do representante do Consello de Goberno correspondente ao PAS no Consello Social; a proposta de cesión de uso temporal de espazos no edificio do Monte da Condesa en favor de Galaria, medio propio da Consellería de Sanidade; a aceptación dun legado para o Centro de investigación en medicina molecular e enfermidades crónicas (CIMUS); o finaciamento da programación de actividades do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) no ano 2023; xunto con modificación de tarifas, convenios e asuntos económicos completaron unha orde do día na que tamén se debateu a estratexia para a implantación de estudos nas modalidades híbrida e virtual. O Consello de Goberno acordou que estas modalidades deben orientarse a mestrados, a estudos propios e, só en casos especiais, a graos.
