Ir o contido principal

A USC ofrece dezanove actividades deportivas para este curso académico

A Área de Deportes da Universidade de Santiago abre este xoves, día 9, o prazo de matrícula en dezanove actividades para o curso académico 2008-2009. As clases a escoller son aerobic, steps, hip-hop, batuka, capoeira, esgrima, gym-dance, ioga, judo, karate, kung-fu, ximnasia de mantemento, taekwon-do, tai-chi, xadrez, ximnasia terapéutica, escola da columna, ximnasia suave e G.A.P.
A USC tamén organiza para o mes de outubro dúas novas rutas de sendeirismo. O primeiro dos percorridos terá lugar o sábado, día 11, e discorrerá polo Centro de Interpretación da natureza da Siradella, na Península do Grove. Recorrerán entre 10 e 12 quilómetros sen desnivel e cunha dificultade media-baixa. O segundo, programado para o sábado 25, sumará entre 12 e 15 quilómetros cun desnivel e dificultade media. A inscrición pecha o mércores anterior á súa realización.
Os menores que desexen participar nas rutas deberán ir acompañados dunha persoa maior. Ademais, cómpre levar calzado, roupa cómoda e mochila con comida e auga para o día. Recoméndase facer uso de bastón de sendeirismo.
As persoas interesadas en obter máis información poden acudir ás oficinas da Área de Deportes, emprazadas na Piscina Universitaria, chamar ás extensións 15070-15071-15072-15073-15076 ou a través da web. Para matricularse en calquera actividade tense que estar en posesión do Cartón Deportivo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2008.