A USC ofrece un programa de intercambio lingüístico e cultural galego-catalán
Gustaríache practicar catalán? Queres ensinar galego? A área de Filoloxía Catalá da USC convida a participaren no programa académico PARELLÆS de intercambio lingüístico e cultural galego-catalán entre estudantes da Universidade de Santiago de Compostela que falen galego ou catalán e desexen aprender, practicar ou mellorar a outra lingua. Tomar un café, pasear pola cidade, facer a compra na praza, ir ao cinema, de festa ou de sendeirismo... todo serve para falar, conversar, parolar e practicar en galego e catalán, para coñecer así mellor de primeira man a situación sociolingüística desas linguas. O programa vai destinado principalmente ao alumnado da USC que cursa ou cursou estudos de catalán e ao orixinario dese ámbito lingüístico que actualmente estuda na USC co programa SICUE (Universidades de Cataluña, Illas Baleares e Valencia), aínda que tamén pode participar quen teña interese polo contacto entre estas dúas linguas e culturas. Despois dunha primeira reunión de presentación e formación, as responsables de PARELLÆS, as profesoras da USC Dolors Perarnau Vidal e Mercè López Casas, asignarán as parellas que terán que compartir un mínimo de 10 sesións de intercambio até final de curso. Trátase de profundar na lingua e cultura allea e valorizar a propia, ademais de coñecer ambas. O programa, incluído na programación de Formación Continua da USC, conta co recoñecemento dun crédito de libre configuración para as licenciaturas e cunha certificación para os graos. Para solicitar información ou inscribirse é preciso enviar un correo electrónico a mamerce.lopez [at] usc.es (mamerce[dot]lopez[at]usc[dot]es), dolors.perarnau [at] usc.es (dolors[dot]perarnau[at]usc[dot]es) ou estudiscatalans.usc [at] gmail.com (estudiscatalans[dot]usc[at]gmail[dot]com).