A USC ofrece unha recepción aos estudantes maiores de 25 e 45 anos que superaron as probas de acceso á Universidade
A Universidade de Santiago de Compostela organiza este xoves 26 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca un acto de recoñecemento e benvida aos estudantes maiores de 25 e 45 anos que superaron as probas de acceso á Universidade en Galicia na súa última convocatoria. A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva presidirá esta recepción que comezará ás 18.00 horas e na que o coordinador do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ Luis M. Hervella Torrón explicaralle aos asistentes a oferta de estudos, convocatoria de bolsas, residencias, ofertas culturais e lúdicas que a Universidade de Santiago lles ofrece. No acto, a estudante do grao de Filosofía Cándida Rodríguez Vergara relatará a súa experiencia universitaria tras superar as probas de acceso para maiores de 45 anos na convocatoria anterior. Ademais, o representante da USC na CiUG, Jaime Romero López-Grado, e o presidente do tribunal único Ramón Bravo Quintas tamén participan desta sesión para felicitar ao alumnado polos resultados acadados nos exames. A xornada rematará coa entrega aos asistentes dos correspondentes diplomas acreditativos.