Ir o contido principal

A USC organiza o primeiro campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil, dotado con 9.000 euros en premios

Mariluz Gil, Mario Outeiro, Pablo Ramil, Javier Bueno, Santiago Moreno e Juan Ortiz, na presentación do campionato de modelado 3D de precisión con móbil
Mariluz Gil, Mario Outeiro, Pablo Ramil, Javier Bueno, Santiago Moreno e Juan Ortiz, na presentación do campionato de modelado 3D de precisión con móbil
A D3Mobile Metrology World League 2014, dirixida a estudantes nados entre 1996 y 1998, será en liña. Os premios inclúen iPads, tabletas electrónicas e unha raqueta de Rafa Nadal

O grupo de investigación para a Documentación en 3D da Universidade de Santiago de Compostela (USCAN3D) organiza o primeiro campionato mundial de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, unha competición pioneira denominada D3Mobile Metrology World League 2014, aberta á participación de estudantes de todo o mundo nados entre os anos 1996 e 1998, e que repartirá máis de 9.000 euros en premios, un amplo abano de agasallos entre os que se atopa unha raqueta doada e asinada por Rafa Nadal.

Este novidoso torneo, a través do que o grupo USCAN3D da USC pretende espertar novas vocacións científicas entre estudantes preuniversitarios, desenvolverase integramente en liña e permitirá aos participantes, agrupados en equipos de entre dous e catro estudantes apoiados por un titor, aprender a elaborar modelos tridimensionais cos seus dispositivos de teléfono móbil, un ordenador e un software fotogramétrico libre. A competición consistirá en coñecer qué equipo é capaz de medir e modelar obxectos en 3D coa mellor calidade métrica e visual, segundo subliñou este mércores o director do proxecto, o profesor da USC Juan Ortiz Sanz, na presentación da D3mobile Metrology World League 2014, un dos 206 proxectos seleccionados este ano entre as 1.205 candidaturas presentadas ás achegas para o fomento da cultura científica e da innovación convocadas pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). Unha das razóns que motivaron a organización da D3mobile Metrology World League, un proxecto en cuxa organización tamén teñen unha participación activa o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG), responde ao feito de que “os modelos 3D de precisión empréganse a cotío en ámbitos tan próximos á cultura xuvenil como o son o cine, a Fórmula 1, a moda ou mesmo os videoxogos”, sinalou Ortiz Sanz. Este profesor da USC amosouse convencido de que “os/as participantes no torneo quedarán sorprendidos das posibilidades que ofrece un teléfono móbil para realizar modelos deste tipo, da súa doada elaboración e da rapidez coa que acadan resultados ao tempo que se divirten”. O director deste campionato de modelado 3D de precisión con móbil, unha iniciativa que na súa primeira edición acadou un notable éxito de participación a pesar de tratarse dunha convocatoria nacional, salientou que “o obxectivo último é inculcar nos mozos/as os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia da toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental”. Ortiz Sanz salientou asemade que a habilidade dos rapaces/as para o manexo das novas tecnoloxías garante a rápida adquisición das destrezas necesarias para tomar parte na D3mobile Metrology League 2014, unha campionato cuxas bases, así como toda a información relativa ao seu desenvolvemento está dispoñible na páxina web http://www.d3mobile.es. Presentación, calendario e premios O acto de presentación da D3mobile Metrology World League 2014 conregrou este mécores na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo ao vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil; o deputado provincial delegado das áreas de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o director da Escola Politécnica, Javier Bueno, e ao director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, ademais dos profesores Juan Ortiz e Mariluz Gil, promotores do campionato de modelado 3D de precisión con móbil. Ramil aproveitou este acto para trasladar os seus parabéns aos organizadores e colabores dun proxecto que, segundo dixo o director da Politécnica, contribúe á promoción do propio centro universitario e do campus de Lugo, ao tempo que axuda a descubrir o progresivo interese e as múltiples aplicacións das novas tecnoloxías en sectores primarios. O deputado provincial Mario Outeiro destacou que este campionato permite tamén dar visibilidade á lingua galega, ao tempo que precisou que a colaboración da Deputación de Lugo neste proxecto “pretende corrixir ou cando menos combater algunhas das medidas contempladas na LOMCE, que reduce a presenza da Tecnoloxía no ensino secundaria, así como a decisión da Xunta de reducir o emprego do galego no ensino de materias de índole científica”. O director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, cualificou de “excepcional” a participación da entidade que representa neste evento. Moreno destacou o teléfono móbil como un dos elementos impulsores dos cambios sociais e de vida e, logo de remarcar as múltiples posibilidades que ofrecen estes dispositivos tecnolóxicos, alentou aos promotores deste campionato “ profesionalizante” a afrontar retos máis complexos en futuras edicións. O director do proxecto, Juan Ortiz, explicou que o calendario da competición apenas experimenta cambios respecto da pasada edición. A inscrición permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro de 2014 na páxina web http://www.d3mobile.es e as tres probas previstas desenvolveranse desde febreiro a abril. No mes de maio abrirase o prazo de votacións dos traballos presentados para logo dar a coñecer os distintos equipos gañadores ao longo do mes de xuño. Ortiz salientou asemade que a D3mobile Metrology World League 2014 contempla premios para os/as alumnos/as participantes, así como para os profesores, centros educativos e mesmo para o público que siga a competición e participe nas votacións. Respecto dos agasallados establecidos para os gañadores, o director do proxecto indicou que os premiados nas distintas categorías recibirán iPads e tabletas electrónicas, entre outros dispositivos tecnolóxicos. Asemade, destacou, “tamén temos unha raqueta cedida e asinada por Rafa Nadal”, a quen agradecemos a súa colaboración. Outra das novidades adiantadas polo director da D3mobile Metrology World League é que nesta segunda edición o campionato de modelado 3D con móbil contará cun padriño de honra, un persoeiro coñecido a nivel internacional, sobre todo entre o público xuvenil e que, se as datas o permiten, estará presente na cerimonia de entrega de premios. Múltiples apoios O campionato de modelado 3D de precisión con móbil D3mobile Metrology World League 2014 é un proxecto a través do que se achega a Universidade á realidade escolar e que conta con múltiples apoios, tanto de empresas como de entidades públicas ou mesmo de colectivos profesionais..., nos eidos da educación, investigación, fotogrametría, metroloxía, información xeográfica, accesibilidade e telefonía móbil. Daquela, este proxecto promovido polo grupo de investigación para a documentación en 3D da Universidade de Santiago, coordinado pola profesora Mariluz Gil Docampo, conta cun amplo abano de colaboradores. Así, ademais da Escola Politécnica da USC, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Fundación Vodafone España, os gobernos de Navarra e Castela e León, ademais de asociacións de pais, colectivos docentes, centros de ensino secundario e empresas do eido tecnolóxico integran a ampla nómina de patrocinadores da D3mobile Metrology World League 2014. “Grazas a estas colaboracións, a D3mobile Metrology World League 2014 contribuirá a corrixir algunhas das eivas relacionadas coa inadecuada utilización e ensinanza das unidades de medida no sistema educativo español, ademais de promover a cultura xeográfica entre o estudantado de ensino secundario e sensibilizar á mocidade sobre a importancia da accesibilidade, que é un dos obxectivos da Fundación Vodafone España”, sinalou Juan Ortiz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2014.