A USC organiza en Ribadeo o primeiro simposio de formadores en produción agroecolóxica

O Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo será a sede do primeiro simposio de formadores en produción ecolóxica, que se desenvolverá entre os días 16 e 18 de xullo próximos. No comité organizador do curso, que se integra na oferta da Universidade de verán 2012 da USC, participan os profesores da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo Xan Neira Seijo e Tomás Cuesta García.
En 2009, o Ministerio de Educación publicou o real decreto de Técnico en Produción Agroecológica, introducindo a educación en agricultura ecolóxica no ensino medio. Nos estudos universitarios materias con esta temática xa se impartían con anterioridade. Ao mesmo tempo, polo seu carácter novidoso, moitas asociacións e entidades organizan e imparten xornadas este tema.
“Tantos axentes, desde tan diferente ámbito e con variados intereses, provocan certa dispersión no relativo á diversidade do material docente utilizado. Neste simposio preténdese buscar vías comúns de colaboración entre os diferentes centros e os distintos axentes que se relacionan coa produción agroecolóxica, co fin de contribuír a mellorar o ensino e os recursos dispoñibles”, explican os organizadores.
Outros obxectivos do curso pasan por contribuír ao desenvolvemento do sector produtivo ecolóxico, debater acerca de novas propostas para os ensino agroecolóxicos e compartir perspectivas sobre a necesidade de establecer unhas normas ou principios básicos para elaborar materiais docentes.
“En definitiva”, segundo os organizadores do encontro, “preténdense aglutinar os esforzos de agricultores, técnicos, docentes, estudantes e outras persoas, encamiñados cara ao desenvolvemento de sistemas sustentables de produción agraria, para a obtención de alimentos e materias primas de máxima calidade, respectando o medio ambiente e conservando a fertilidade da terra, mediante a utilización óptima dos recursos locais, potenciando as culturas rurais, os valores éticos do desenvolvemento social e a calidade de vida”.
Algúns dos aspectos que se desenvolverán no curso son o marco conceptual da agroecoloxía, o control biolóxico de pragas e enfermidades, a produción en cultivos de secaño, a produción gandeira ecolóxica, a compostaxe ou os medios mecánicos empregados neste tipo de agricultura. O simposio inclúe tamén un taller de elaboración de queixos que ocupará a última das súas tres xornadas.
Ademais da USC, a organización deste curso está coordinada desde outras entidades: a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), a Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE) e o Centro de Estudos Rurais e de Agricultura Internacional (CERAI).
A actividade consta dun total de 16 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da web da Área de Cultura da USC.