A USC organiza unha rota de sendeirismo pola Costa de Dexo
Os universitarios afeccionados ao sendeirismo terán este domingo 15 de decembro a oportunidade de practicar esta disciplina deportiva cunha rota pola Costa de Dexo, organizada pola Área de Deportes da USC.
O traxecto previsto desenvolverase ao longo do Concello de Oleiros, dentro da denominada Costa Artabra. O Dexo representa un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito da comunidade galega. A singularidade dos seus ecosistemas e hábitats e a súa especial xeomorfoloxía e paisaxe, convértena en lugar excepcional que foi recientemente declarado Monumento Natural. Os estudantes visitarán a Aula do Mar, na antiga casa do fareiro.
Cunha lonxitude entre 15 e 17 quilómetros e uns graos de desnivel baixo e dificultade media, a saída desde Lugo realizarase ás 9:00 horas desde a Facultade de Veterinaria en autobús, ata chegar á Costa do Dexo onde comezará a rota.
Para acadar máis información sobre esta proposta, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina da Área de Deportes da USC, na Piscina Universitaria ou nas extensións (981.56.31.00) 15070, 15071, 15072, 15073 ou 15076.