A USC organiza o vindeiro venres un simposio sobre 'Redes complexas. Bioloxía-Ecoloxía-Sociedade'
A USC organiza o simposio sobre ‘Redes complexas. Bioloxía-Ecoloxía-Sociedade’ que se desenvolverá o vindeiro venres 22 na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. O estudo dos sistemas complexos está chamado a ser unha área de importante desenvolvemento no século XXI por constituír unha ferramenta fundamental e moi actual na descrición de moitos sistemas en ciencias sociais, económicas, tecnolóxicas, físicas, biolóxicas e ecolóxicas.
O encontro diríxese a todas aquelas persoas interesadas en acadar unha visión holística das ciencias a través dos sistemas complexos, aínda que principalmente a profesionais das áreas de ciencias sociais, económicas e tecnolóxicas así como a matemáticos, físicos, biólogos, químicos e informáticos. As temáticas incluídas no programa científico do encontro abarcan os sistemas sociais, redes tecnolóxicas e de infraestrutura, así como redes ecolóxicas e biolóxicas tales como xenomas, proteomas e interactomas.
O obxectivo principal do simposio é que os asistentes adquiran información xeral relativa aos estudos de redes complexas e sobre a súa importancia estratéxica, tanto dende o punto de vista social como dende o desenvolvemento de novas tecnoloxías.
As distintas intervencións previstas para o vindeiro venres 22 estarán impartidas por Maxi San Miguel, da Unidade de Física Interdisciplinar de IMEDEA (CSIC-UIB); Albert Díaz-Guilera, do Departamento de Física Fundamental da Universidade de Barcelona; Romual Pastor Satorrás, da Universidade Politécnica de Cataluña; Jordi Bascompte, do Grupo de Ecoloxía Integrativa da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC); e por Ernesto Estrada Roger, da USC.
O Grupo de Estudo de Redes ComplexasO grupo de sistemas complexos da USC, de recente creación, é o encargado da organización deste simposio. Trátase dun grupo dedicado ao estudo de redes complexas en sistemas moleculares complexos a diferentes escalas de tamaño, así como redes tecnolóxicas, ecolóxicas e sociais. Neste ámbito, o citado grupo alcanzou relevantes resultados nas áreas de redes de interacción de proteínas, robustez de redes complexas ou extinción en redes ecolóxicas, entre outras.