A USC participa nos actos programados na Praza Maior de Lugo co gallo da Día Internacional do Voluntariado
A Rede Lucense de Voluntariado, da que forma parte a USC a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, organiza este venres na Praza Maior de Lugo unha xornada lúdica co gallo da celebración do Día Internacional do Voluntariado.
Nesta edición, que leva por lema ‘Emprende a túa viaxe’, o Día Internacional do Voluntariado pretende destacar o valor da solidariedade como contrapunto ao individualismo que caracteriza a sociedade actual. Daquela, a frase escollida como lema do Día Internacional do Voluntariado 2015 constitúe unha invitación aberta a todas as persoas que queiran sumarse a descubrir, sentir e ilusionarse nunha aventura compartida e de transformación. O programa de actos organizado pola Rede Lucense de Voluntariado co gallo desta efeméride desenvolverase a partir das 16.30 horas diante do consistorio lugués cun acto de benvida a todas as persoas participantes. O acto central será ás 17.30 horas coa lectura do manifesto do Día do Voluntariado a cargo de dúas persoas voluntarias. Asemade, durante a tarde tamén haberá actividades lúdicas para os máis pequenos e tamén para os maiores, tales como un obradoiro de chapas, diversas actuacións e un photocall.
A celebración do Día Internacional do Voluntariado, cuxa programación en Lugo conta coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lugo, remonta a súas orixes na capital amurallada ao ano 2007, data na que se promoveu por vez primeira unha iniciativa desenvolvida por dez entidades sociais xunto coa USC.