A USC participa nunha campaña de sensibilización sobre a deforestación
A USC, a través da Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, colabora por segundo ano consecutivo con Acción Natura e o Ministerio de Medio Ambiente na campaña de sensibilización ‘Frea o cambio climático’, que pretende sensibilizar aos membros da comunidade universitaria nesta problemática ambiental. Na iniciativa, que comezou este mes de novembro, participan diferentes centros docentes e do Sistema Universitario de Residencias.
A edición deste curso céntrase no grave problema de deforestación que sufre o Planeta, analizando o caso particular dos crimes da selva brasileira de Lucindo. Así, cunha pequena exposición en centros da USC alúdese a unha investigación policial ficticia a través da que se motiva a consultar unha web onde se atopa o xogo interactivo (www.crimenesdelucindo.org). A mostra pode visitarse na Escola Universitaria de Formación do Profesorado en Lugo e nas Residencias Burgo das Nacións e Monte da Condesa e na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte, en Santiago. Nuns días comezará tamén na Facultade luguesa de Ciencias.
Baixo o lema ‘Estás implicado?’ xógase co dobre sentido da palabra, o implicado nun crime como consumidor de produtos derivados das árbores e o implicado no respecto ao medio ambiente que permite actuar para minimizar o impacto que produce.
A campaña presentouse recentemente nos dous campus no transcurso do V Curso de Formación Básica de Voluntariado nunha xornada dedicada ao medio ambiente na que se explicaron as principais accións promovidas pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible nas que os estudantes poden participar.