A USC participa no consorcio Oncoliberyx para o desenvolvemento de novas estratexias de administración de fármacos oncolóxicos de orixe mariña

O proxecto Oncoliberyx reúne catro grupos de investigación españois punteiros en nanotecnoloxía e oncoloxía coa meta de conseguir formulacións únicas que poidan dar lugar a novas terapias oncolóxicas baseadas nos compostos mariño da colección de PharmaMar, compañía farmacéutica que lidera o proxecto. Este consorcio conta coa experiencia e coñecemento de especialistas no campo dos novos sistemas de liberación de fármacos, inmunoterapia e cancro, entre os que se atopa a catedrática da USC María José Alonso. Tamén conforman o proxecto equipos das universidades do País Vasco e de Navarra, así como o Centro de Investigación Médica Aplicada desta última (CIMA).
A pesar dos notables avances do esclarecemento dos mecanismos biolóxicos subxacentes ao cancro e dos novos enfoques terapéuticos, a preocupación polos efectos secundarios que provocan estes fármacos está impulsando a investigación de réximes e formulación terapéuticas máis selectivas e eficaces. OncoLiberyx céntrase na busca de novas estratexias de administración de fármacos que permitan aumentar a especificidade dos compostos activos oncolóxicos, diminuíndo a súa toxicidade e efectos secundarios, ao tempo que se manteñen e/o aumentan os seus efectos terapéuticos.
A catedrática María José Alonso, responsable do grupo de traballo da USC, lidera un laboratorio que conta con 20 persoas e orientado ao desenvolvemento de terapias oncolóxicas baseadas no uso de nanotecnoloxía. Ademais é promotora da spin-off Libera Bio, orientada á medicina de precisión en oncoloxía. En relación a esta nova liña de traballo, a profesora Alonso valora moi positivamente esta colaboración coa compañía famarcéutica PharmaMar, coa que mantén unha colaboración dende hai varias décadas, “sen dúbida, a investigación resultante desta colaboración suporá un avance na busca de fármacos máis eficaces e seguros”.