A USC participa na constitución da agrupación KIC Gallaecia, orientada ao envellecemento activo e vida saudable

A Universidade de Santiago integra a agrupación KIC Gallaecia que representará a candidatura conxunta de Galicia ao KIC Europeo de Envellecemento Activo e Vida Saudable. Neste agrupamento participan as tres universidades galegas; as consellarías de Sanidade e de Traballo e Benestar; a Axencia Galega de Innovación; o Clúster da Saúde de Galicia; as fundacións Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Ramón Domínguez e Novoa Santos; e o Centro Tecnolóxica Gradiant. Os KIC son comunidades de coñecemento (Knowledge and Innovation Communities) que poden comprender dende programa específicos de formación superior a proxectos de I+D+i empresarial ou mecanismos de apoio aos emprendedores, entre outros. O seu obxectivo é converterse en axentes claves do crecemento económico sostible e a competitividade europea a través da xeración de dinámicas de referencia mundial. Na actualidade existen 3 KIC, vinculados á enerxía (KIC Innoenergy), cambio climático (Climate KIC) e desenvolvemento TIC (ICT LAbs), e no 2014 incorporaranse outros tres novos, un dos cales será o correspondente ao envellecemento activo e a vida saudable. O seguinte paso de KIC Gallaecia, logo da súa constitución formal, será a súa integración nun consorcio europeo formado por diversas rexións líderes no ámbito de novos modelos de innovación socio-sanitaria e a través do que a agrupación galega concorrerá á convocatoria europea prevista para 2014, explicou a conselleira de Sanidade este venres tras a sinatura do convenio de constitución. A convocatoria promóvese a través do European Institute of Innovation and Technology, organismo da Unión Europea que ten como misión aumentar o crecemento europeo sostible e a competitividade industrial reforzando a capacidade de innovación da UE. Globalmente, as capacidades de KIC Gallaecia abranguen os recursos científicos, tecnolóxicos e humanos das tres universidades galegas; máis de 700 centros de atención socio-sanitaria; e o tecido produtivo no ámbito da saúde e as TIC. Segundo datos da Xunta de Galicia, a comunidade galega é unha das rexións españolas con maior porcentaxe de persoas maiores, un 22,5% fronte ao 17,2% da media estatal, así como con maior taxa de dependencia, 112,9 por mil habitantes, mentres que en España a media se sitúa en 89,7.