Ir o contido principal

A USC participa no deseño nunha ferramenta sobre o uso das tecnoloxías por parte dos adolescentes galegos

O convenio asinouse na sede do Valedor do Pobo
O convenio asinouse na sede do Valedor do Pobo

A Universidade de Santiago, e en concreto a súa Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC (PSICOM), colaborará no deseño e posta en funcionamento dunha plataforma en liña para captar datos reais sobre o uso que os adolescentes galegos fan das novas tecnoloxías. Para regular esta iniciativa asinaron este mércores un convenio o reitor Juan Casares; o valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. Na plataforma informática están xa a traballar todas as entidades, e en poucos meses permitirá recoller por medio dunha ferramenta en liña datos en todos os centros de educación secundaria de Galicia acerca do uso que os menores, en especial os adolescentes, fan de internet e as novas tecnoloxías, garantido en todo momento o seu anonimato e confidencialidade. A PSICOM da USC farase cargo de coordinar e dirixir todas as partes implicadas no proxecto, asistir os técnicos de AMTEGA no deseño da sistema informático e da interface de recollida de datos e de actualizar periodicamente o sistema de indicadores.

O proxecto supón un punto e seguido nos traballos que o Valedor do Pobo desenvolve desde o ano 2011 para concienciar da necesidade de vixiar os comportamentos, ás veces arriscados, dos menores para coas tecnoloxías. Desde entón xa colaborou coa Xunta de Galicia e investigadores da USC na elaboración dun informe (o máis completo coñecido ata o de agora) acerca dos hábitos e usos dos mozos para cos sistemas máis recentes e no deseño dun modelo sinxelo de captación de datos para obter con fiabilidade e rigor resultados que permitan fixar índices reais de perigo, ciberdependencia, ciberacoso e usos complicados da rede e os diferentes dispositivos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2014.