Ir o contido principal

A USC participa con empresas e centros tecnolóxicos nun foro técnico da Civil UAVs Initiative celebrado no aeródromo de Rozas

Valcárcel, segunda pola esquerda, co conselleiro de Economía e Industria, entre outras autoridades, no aeródromo de Rozas
Valcárcel, segunda pola esquerda, co conselleiro de Economía e Industria, entre outras autoridades, no aeródromo de Rozas
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou ante a vicerreitora Montserrat Valcárcel a implicación da USC neste ecosistema de innovación aeronáutica

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, participou xunto con outros docentes e investigadores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC no foro técnico da Civil UAVs Initiative celebrado este mércores no aeródromo de Rozas. O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, salientou neste encontro a implicación da USC na conformación deste ecosistema de innovación aeronáutica, un agradecemento que ampliou ás demais empresas, institucións académicas e centros tecnolóxicos que están a participar na xénese de ideas, no desenvolvemento de proxectos e, en definitiva, na atracción de talento ao abeiro dunha iniciativa para impulsar un sector estratéxico cunha marcada orientación cara a industria.

A Civil UAVs Initiative constitúe unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa que ten como obxectivo atraer inversións no sector aeroespacial e desenvolver a industria de sistemas aéreos non tripulados para mellorar a prestación de servizos públicos no ámbito civil, a fin de dar resposta aos retos existentes a través da colaboración público-privada.

Alén de repasar a evolución experimentada polo xerme do futuro polo aeroespacial de Rozas desde a súa posta en marcha, Conde aproveitou a súa intervención neste foro para destacar que a primeira convocatoria para a licitación de seis proxectos de I+D+i no eido da aeronáutica espacial recibiu 35 propostas chegadas de máis de medio centenar de empresas ou entidades promotoras, na súa maioría con sede en Galicia, pero tamén outras emprazadas noutras localizacións de España e tamén no Reino Unido.

Acompañado da directora Xeral da Axencia Galega de Innovación (Gain), así como de persoal técnico e directivos de Inta, Aesa, ademais dunha nutrida representación de empresas e industrias do sector, o conselleiro de Economía e Industria aproveitou o foro celebrado no concello lugués de Castro de Rei para adiantar a participación da Civil UAVs Initiative na exposición internacional que se desenvolverá entre o 30 de abril e o 2 de maio na cidade estadounidense de Chicago.

Trátase dun escenario máis que acaído para dar a coñecer e amosar as potencialidades, a tecnoloxía e os proxectos que estamos a impulsar desde o ecosistema de innovación e coñecemento arredor do sector aeroespacial desde este polo de Rozas, indicou Conde, para logo precisar que a Civil UAVs Initiative contará con expositor na feira de Chicago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2019.