A USC participa nun encontro sobre sistemas dinámicos no Centro Internacional de Encontros Matemáticos da Universidade de Cantabria
A Universidade de Santiago participa na organización dun encontro sobre sistemas dinámicos que terá lugar do 5 ao 8 de setembro no Centro Internacional de Encontros Matemáticos da Universidade de Cantabria e no que tamén colaboran as universidades francesas de Paris-Sud 11, Picardie e Rennes. Co título ‘Perspectives on orbital equivalences and applications’, a terceira edición do Seminario Atlántico de Xeometría reunirá a uns 40 investigadores e investigadoras provenientes de Canadá, Chile, España, Estados Unidos, Francia, Guatemala, Israel, Noruega, Reino Unido, Ucraína e Uruguai, con ampla presenza de novos doutores e doutorandos. O Seminario Atlántico de Xeometría Creado baixo o impulso de varios grupos de investigación franceses e españois, que manteñen unha estreita relación con universidades latinoamericanas, o Seminario Atlántico de Xeometría é un encontro matemático anual con sede permanente no Centro Internacional de Encontros Matemáticos (CIEM) de Castro Urdiales que se ocupa do estudo da xeometría, os sistemas dinámicos e as súas interaccións. O CIEM promove a investigación matemática de excelencia, tanto nos aspectos básicos como nos aplicados e computacionais, prestando unha especial atención á investigación multidisciplinar. A súa creación en 2010 xorde da vontade de reforzar a colaboración entre equipos e grupos de investigación con intereses e visións diferentes, promovendo una aproximación multidisciplinar á solución de problemas importantes situados na fronteira das áreas tradicionais. Ademais, buscaba animar aos novos investigadores a participar nas discusións por medio de talleres e sesións de pósters. Todo, dende a perspectiva dunha forte implicación na formación e no desenvolvemento da investigación dun lado e outro do Atlántico. O terceiro seminario Esta terceira edición pretende reunir diferentes puntos de vista ao redor dun concepto fundamental no estudo dos sistemas dinámicos de natureza xeométrica chamado equivalencia orbital. Os traballos do encontro centraranse no estudo das propiedades xeométricas, dinámicas e estatísticas de sistemas dinámicos definidos por medio de accións de grupos, grafos aleatorios, mosaicos e case-cristais O interese polos grafos e os mosaicos aleatorios débese as súas múltiples aplicacións en física e ciencia de materiais (modelos de Ising e Potts), química (cromatografía), xeoloxía (xeoloxía del petroleo), bioloxía (epidemioloxía, viroloxía, xenética de poboacións) e economía (redes reais). Convén destacar ademais a concesión das Medallas Fields de 2006 e 2010 a W. Werner e S. Smirnov polas súas contribucións en mecánica estatística e percolación. A actualidade do tema maniféstase tamén na concesión do premio Nobel de Química 2011 ao profesor Daniel Schetman, do Instituto de Tecnoloxía de Israel, polo seu descubrimento dos sólidos case cristalinos (que mostran patróns de difracción modelados por mosaicos aperiódicos). A sesións matinais consistirán en tres minicursos impartidos polos novos investigadores Aurélien Alvarez, da Universidade de Orléans; Konstyantin Medynets, da Academia Naval dos Estados Unidos; e Vincent Beffara, da Escola Normal Superior de Lyon. As conferencias impartiranas Pierre Arnoux, da Universidade de Aix-Marseille; María Isabel Cortez, da Universidade de Santiago de Chile; Ian F. Putnam, da Universidade de Victoria; Jean Savinien, da Universidade de Metz; Christian F. Skau, da Universidade de Trondheim; e Romain Tessera, da Escola Normal Superior de Lyon.
As sesións de discusión vespertinas estarán a cargo de tres especialistas de recoñecido prestixio nas súas respectivas áreas: Itai Benjamini, do Instituto Weizmann; Damien Gaboriau, da Escola Normal Superior de Lyon; e Thierry Giordano, da Universidade de Ottawa.